Menu Xerais

Crítica de Vicente Araguas sobre «Poesía completa», de Lois Pereiro

O crítico Vicente Araguas publicou unha recensión sobre Poesía completa, de Lois Pereiro nos xornais Diario de Ferrol, Diario de Arousa e El Ideal Gallego. Reproducímola integramente:

Poeta Pereiro completo

Precedido dun prólogo de Ana Acuña –quen se fixo cargo da edición e das notas a pé de páxina–, tan discreto e serio como a prologuista é –e semella–, aparece un volumen con todos os poemas de Lois Pereiro. Un libro que se titula “Poesía completa” (Edicións Xerais, Vigo 2011), e que vai ser o que dea a pauta da efémerede do Día das Letras Galegas. Adicado este ano, nun rasgo de académica afouteza, ao poeta monfortino. Un home de vida breve, non chegou aos corenta anos, vítima primeiro da colza asasina, despois da droga, finalmente da sida, nun calvario que se resume e concreta no volumen “Poesía última de amor e enfermidade” (1995), seguramente o libro de Pereiro quevai “quedar”. Porque o anterior, “Poemas 1981 / 1991” (1992), vén tan carregado de referencias culturais –e aínda así eu non vexo a Lois como poeta “culturalista” senón “culto”, e aínda “de culto”– que fan pouco doado entrar no seu labirinto.

Proxección hoxe
Por certo que ao ver a anuencia que en certos sectores provoca hoxe a poeta Chus Pato, eco prosaico de algún dos poemas de Pereiro, non deixo de pensar con melancolía na súa proxección hoxe. De estar vivo “de verdade”, e non desde a “virtualidade” que lle confire a Lois o ser protagonista do Día das Letras. Así e todo non me parece fácil que a primeira entrega poética de Pereiro chegue á rapazada, obxecto directo da efémerede –e se non que ninguén me volva dicir que a razón que atranca a Carvalho Calero, como destinatario do Día das Letras, e o lusismo das súas postrimerías, que presuntamente lixaría diante da xente nova un idioma tan precisado de coidados extremos como o noso–. Non obstante a segunda, con ese aire de canción dorida, e aínda moi dorida, de salouco estoico pola vida que alá vai, co seu murmurio de río dramático que non deixa de se ollar nas súas propias augas, coa cousa entre “after-punk” e romántica fonda que Lois Pereiro foi quen de deseñar pode e debe chegar ao corazón da xente nova.
Lois Pereiro, entre Werther e Patti Smith, con The Clash ou Sex Pistols ao fondo, era asunto posmoderno nada rexeitable hoxe. Que Lois Pereiro deixe de ser “poeta de culto” para mudar en choio máis amplo xa é outra historia. Confusos, e aínda perplexos, son os camiños da poesía. E  Góngorabotou un par de séculos no faiado ata que chegaron os do 27 para facer del persoa poética de consideración. Á parte dos libros citados están os “Poemas para unha Loia”, publicados póstumamente e que falan dun “fanzine” feito en Madrid, 1977 e 78, que me permitira coñecer persoalmente a Lois. E colaborar con el, tamén como Millán Neira. O que xa é outra historia, e como tal merecente de lugar á parte. Volverei. Como está facendo Lois Pereiro. Parabéns. Ou que sexa para ben. Si.

Vicente Araguas

Comentarios pechados