Menu Xerais

Crítica de Xavier Castro Rodríguez sobre «Poesía completa», de Lois Pereiro

Xavier Castro Rodríguez publica no xornal Galicia Hoxe unha recensión sobre Poesía completa, de Lois Pereiro. Reproducímola integramente:

Poemas da morte sobrevivida

O nome deste 2011 é Lois Pereiro. A designación do poeta monfortino como figura clave das Letras Galegas representa unha decisión afouta e rompedora por parte da Real Academia Galega que procurou, coa decisión tomada, achegar este feito poético, sempre complexo do autor, a un público maioritario despois dun longo silencio, do descoñecemento e da pouca difusión que tivera unha poética tan orixinal e tan marcada por unha (contra) cultura e unha estética tan rechamantes. Esa marxinalidade na que navegou o poeta logo do seu pasamento -que mesmo en vida construíu coa poesía e a música un produto moi arredado dos circuítos editoriais e dos lectores-, é agora compensada coas múltiples edicións e reedicións das súas obras, así como coas diferentes achegas escritas para a ocasión arredor do seu discorrer biográfico.

Os diferentes selos editoriais veñen de ofertar nestas semanas as respectivas homenaxes, e Edicións Xerais deu ao prelo esta Poesía completa baixo a responsabilidade de Ana Acuña que foi quen de xuntar, en pouco máis de duascentas páxinas, unha obra chea de modernidade, actualidade e habelencia lírica, unhas características ben visibles a pouco que nos iniciemos na lectura de Pereiro, o escritor que arelou compartir os límites do propio e a fronteira do inestable.

Poesía núa, nacida do arrebato vital, liñas poéticas penduradas do pálpito, do sangue, a terra (“terra e máis terra brava”) e da morte. E tamén tenrura, desamor, “palabras desarmadas/ desexos que se perden” e sempre os soños, o xogo onírico e envolvente que nos traslada con vagar nesa “viaxe nocturna que emprendemos/ polo interior dun corpo diferente”. Poemas de versos explícitos e verbas implícitas que nos mergullan nunha ollada crítica e contundente dun escritor moi formado e cunha enorme bagaxe cultural: “Non debe sorprender que os poemas de Lois Pereiro visibilicen unha extensa arañeira musical, cinematográfica e literaria”… No seu conxunto, unha estética moderna e rompedora.

Xavier Castro Rodríguez

Comentarios pechados