Menu Xerais

Crítica de Xosé Manuel Eyré sobre «Fundación Libélula», de Yashmina Shawki

Xosé Manuel Eyré publica en A Nosa Terra unha recensión sobre Fundación Libélula, de Yashmina Shawki. Reproducímola integramente:

Fundación Libélula, unha novela semente

Mentres me dispoño a comezar esta crítica, un pensamento cruza as miñas mentes: a creación é, en definitiva, unha reacción, unha indignada reacción fronte á nada. Tal pensamento resulta de aplicación tanto na vida que habitan os nosos días como na que escribe en letras sobre papel. Mais nós, que noticiamos crónicas librescas, ficaremos unicamente na dimensión literaria; logo, vostedes, caros lectores, que son libres, poden ser libres, abonda que queiran.

A Fundación Libélula é unha novela breve auténtica, de sempre, non esas que a miúdo se fan pasar por tal; a primeira novela en galego de Yashmina Shawki. Como tal novela breve, é un discurso moi intenso, desde a primeira liña á última (ollen que non dicimos derradeira, xa verán a razón), como adoitan ser as novelas breves. E comezando a súa trenzada lectura, non resulta doado abandonala, e han ser moitos os lectores que a rematen en poucas sesións. E cando dicimos trenzada lectura estamos xa dando unha imaxe da estrutura sobre a que se ergue. Consiste na exposición alternativa de varias historias, que son conflúen e teñen como vértice unitivo a avogada María Xosé Muradas, fondamente preocupada polas mulleres en situación precaria e que se propón crear unha fundación que as axude, a Fundación Libélula, da que a novela é crónica da súa creación.

Isto é importante, a novela é a crónica da creación da Fundación Libélula. Esa é a súa finalidade. Ou, dito doutra maneira, a finalidade non se esgota na exposición de varias vidas (de muller) rotas, cousa que a estas alturas non supón novidade ningunha aínda que os noticiarios non deixen de lembrar a necesidade de que a sociedade non volva consentir, nunca, tanta vergoña.

Mais o trenzado non se esgota na exposición alternativa das vidas rotas, no espazo adicado a cronicar cada unha delas. Tamén se habilita lugar onde o lector acceda, de primeira man, aos pensamentos destas mulleres. O que significa unha re-actualización dos problemas destas mulleres –e feminina, por extensión– ou maneira de que non se perda de vista, habida conta de que a finalidade é a creación da fundación.

Velaquí as mulleres, velaquí as protagonistas. María Xosé, avogada, moi independente, que ten dificultades para deixarse rodear por quen a quere, enferma de cancro. Ao camiño da súa vida xurdirán Helena (moza da que a nai é prostituta, drógase, bebe e maltrata os fillos; a moza coida os fillos de Maribel, que traballa para María Xosé), Laura (casada cun preguiceiro, sostén a familia e está farta dunha sogra que ten como misión na vida rebaixala) e Gladys (estranxeira, explotada en prostíbulos). Elas son as mulleres de vida en precario, non todas as mulleres, pois tamén será moi importantes Dolores (mentora de María Xosé) e despois Branca (casada con Lois, acolllen os irmáns de Helena) sen esquecer aquela nai de Helena, ou a Natacha ( tamén explotada en prostíbulos).

Obviamente, para o éxito da novela, é preciso que as personaxes –pois nelas asenta a novela– estean ben configuradas, teñan personalidade e esta impacte no lector. E precisamente é unha das primeiras cousas que a lectura da novela de Shaeki deixa moi claro. Sobre todo desde uns diálogos ben construídos, que lembran un tanto o xénero negro. O cal non quere dicir que de cando en vez non paire sobre eles a sombra interferinte da voz autorial, e que iso se note. Ou que, tamén de cando en vez, a tamén sombra do melodrama percorra a narración.

Mais queremos salientar que, en si, esta Fundación Libélula semella en todo momento ser o inicio, o inicio de algo máis grande. E este é o achado realmente importante, o máis trascendente. Fartos xa de tanto vampiro e similares (en series de TV, e tamén literarias), non cabe dúbida que na Fundación Libélula debe agacharse unha problemática humana moito máis interesante e, esta si, autenticamente vital. Polo que cabe agardar futuras achegas neste sentido. Certo, morre a protagonista central desta novela coral; e Dolores,a súa sucesora, non ten moitos folgos. Mais a Fundación Libélula é algo máis grande. Aínda un espazo que admite o trenzado de moitas máis historias. Como a vida mesma.

Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados