Menu Xerais

Crítica en Trafegando ronseis sobre «O bebedor de rakia», de Xesús Manuel Marcos

O blog Trafegando ronseis publica unha recensión crítica sobre a novela O bebedor de rakia, de Xesús Manuel Marcos. Reproducímola integramente:

Guerra e violencia son as chaves de O bebedor de rakia de Xesús Manuel Marcos, publicado por Xerais. Violencia familiar antes da guerra, violencia en calquera guerra, violencia xerada pola guerra. Abatemento, frustración, soidade, horror. Que monstros provoca nunha persoa a guerra?
Curiosamente, imos á guerra dos Balcáns, algo que non sucede moi frecuentemente na nosa literatura. Unha guerra cruenta que nos sacudiu hai ben pouco e moi preto. Unha desas ocasións nas que preferimos pechar os ollos e seguir vivindo a nosa máis fácil vida cotiá. Guerras que fan estragos, onde só hai vítimas por moito que se proclamen vencedores. Onde a denominación “misión de paz” é unha metáfora máis que nos venden e que nós mercamos para acalar conciencias. E nesta novela somos testemuñas da misión “humanitaria” destes soldados.
Esta situación, a narración dos horrores da guerra, é o corpus principal da novela. Un ex-soldado casco azul lembra os terribles pesadelos vividos nos Balcáns, algo que lle marcou tan profundamente que arestora é agresor nun típico caso de violencia de xénero. A outra parte da novela é a perspectiva da irmá, non contada en primeira persoa, pero case (posto que o narrador é totalmente omnisciente). Esta parte está en cursiva, algo que non me acaba de convencer, posto que o lector debe implicarse suficientemente no texto para averiguar que parte é cada cal. Pero aínda que máis curta é imprescindíbel para coñecer a realidade violenta do protagonista, que acha unha escusa perfecta no seu sufrimento vivido na guerra pero que comprenderemos que é, outra volta, só iso, unha escusa, posto que a herdanza do pai e a súa propia personalidade abondarían para coñecer o maltratador que leva dentro.
Gustoume. Gustoume para engadilo á lista de libros optativos do meu alumnado e saber a súa opinión. Gustoume porque ao autor non lle cómpren miles de páxinas para condensar o sufrimento, para denunciar a parafernalia dos cascos azuis, para construír un carácter machista e violento, para destapar un frasco da sociedade que preferimos deixar cerrado.

Comentarios pechados