Menu Xerais

Crónica da presentación en Ourense de «As vidas de Nito», de Xabier Paz

A revista Tempo de Lecer Ourense publicou unha información sobre a presentación da novela As vidas de Nito de Xabier Paz.

O acto contou coas intervencións do seu autor, Xabier Paz, e máis do director de Xerais, Manuel Bragado

Xerais presentou en Vento do Sul o seu último lanzamento editorial: «As vidas de Nito»

Trátase dunha novela que posúe un enorme poder evocativo “e unha vontade estilística arrebatadora”

A Editorial Xerals presentou este xoves en Ourense o seu último lanzamento editorial: As vidas de Nito, de Xabier Paz. O acto tivo lugar na Libraría Torga e contou coas intervencións do autor da obra e de Manuel Bragado, director de Xerais.

 Segundo explicou Manuel Bragado, As vidas de Nito “é unha novela escrita cun enorme poder evocativo e cunha vontade estilística arrebatadora”. O libro conta a historia de Casiano Cendán Rocha, un home de idade que vive nunha residencia e que fai memoria da súa vida a través das conversas coa súa neta Aldara, que remexe nel os sedimentos máis íntimos. Canto importa o corpo? Que lle sucede a un neno que non medra como é debido?

O catalizador de inesperados procesos íntimos

Para Casiano, durante a infancia e a puberdade, o seu corpo foi fonte de desacougo e estrañeza. Logo, xa adulto, a súa paixón por África converteuse no referente dunha existencia chea e dorida. As visitas da súa neta actúan como o catalizador de inesperados procesos íntimos. Casiano debulla recordos para compoñer a esquecida historia da súa nenez e puberdade. Desde a chegada da Coca-Cola até a traizón da Transición, é retratada unha época que case todos queren esquecer. Na lembranza desfilarán as angueiras de Nito, un neno de anómalo e lento medrar, a súa perplexidade ante a rareza, a dor da diferenza, a educación relixiosa, a perda da inocencia, o asalto da sexualidade… Aldara recibe estrañada as disertacións do avó, visita tras visita, desde a historia de Papá Noel até a termodinámica da vida, desde a literatura até as vantaxes da morte. Segundo Manuel Bragado, “unha desolada lucidez, non exenta de humor, percorre o texto desta novela na voz do narrador”.

Xabier Paz

Xabier Paz (A Coruña, 1949) reside en Vigo, onde exerceu diversos oficios desde 1980. Doutor en Ciencias Biolóxicas, actualmente é investigador (biólogo pesqueiro) no Centro Oceanográfico de Vigo. Na década de 1980 foi colaborador do Suplemento As Artes e as Letras do Faro de Vigo e máis recentemente das revistas Sobremesa e Viajes de National Geographic, así como da revista galega de pensamento crítico Inzar Razóns. Como escritor, publicou as novelas Renacer (Xerais, 2008) e As vidas de Nito (Xerais, 2013); os poemarios Sedimentos (2001), No canto do mar (2005), Materia de Lucrecio (Xerais, 2006), Filoxenia do sangue (2006) e Cantos milesios (2007). Tamén é autor do libro Follas do bacallau (Xerais, 2005), que recolle a vida a bordo dos pesqueiros de gran altura.

Deixa un comentario!