Menu Xerais

Crónica de Belén López sobre «As palabras que move o mar», de Xaime Toxo

A xornalista Belén López publicou onte no Diario de Pontevedra unha crónica sobre o libro As palabras que move o mar, a primeira obra do escritor pontevedrés Xaime Toxo, persoa moi coñecida nesa cidade e que na actualidade é presidente do Ateneo de Pontevedra. Reproducimos integramente a crónica, que tamén pode baixarse en pdf:

Xaime Toxo recupera a memoria sentimental da súa xeración nun libro

BELÉN LÓPEZ. PONTEVEDRA. «Son catro relatos que teñen como fío condutor a memoria e a construción da identidade alicerzada neses recordos que permanecen imborrables na nosa vida ao longo dos anos», di a lapela de ‘As palabras que move o mar’, o novo libro de Xaime Toxo, unha das novidades do mes de febreiro da editorial Xerais. «En realidade trátase de tres relatos longos e un conto», explica o autor. «Os tres primeiros moi relacionados entre si; o conto, cun feito histórico que marcou profundamente a toda a miña xeración como eixo: o golpe de Estado en Chile». Precisamente o que fai Toxo neste traballo é recuperar a memoria sentimental da súa xeración, segundo el mismo recoñece. «O fío condutor co que traballei é a memoria, esa serie de elementos emocionais comúns que son os que acaban construíndo a entidade dunha xeración», conta. A resultado do seu exercicio de memoria mestura datos reais con partes ficcionadas. «Esas emocións compartidas xorden de acontecementos importantes como o final do franquismo, a loita contra a ditadura, a morte de Franco, a transición…».

Toxo insiste na importancia que ten «a emoción» no seu libro. «É un libro moi emocional. As emocións son parte fundamental da nosa vida», di. «Do que se trataba era de recuperar aquela realidade, revivila, dende o punto de vista da memoria emocional. Quero dicir que me propuxen unha retrospectiva, non dende a análise dos feitos, senón dende as emocións que espertaban».

Xaime Toxo (Bueu, 1955) é pedagogo e mestre especialista en atención escolar a alumnos con cegueira e discapacidade visual.
Na actualidade é presidente do Ateneo de Pontevedra. Obtivo o primeiro premio de narración Manuel Murguía no ano 2004, o primeiro premio do certame de relatos do Concello de Paradela do 2002 e accésit no premio Modesto Rodríguez Figueiredo no 2002.

A memoria e o esquecemento.
O franquismo da provincia de Pontevedra

A editorial Xerais tamén publicou este mesmo mes ‘A memoria e o esquecemento. O franquismo da
provincia de Pontevedra’, de Gonzalo Amoedo. Segundo se explica no blog da editorial, “O autor afonda na memoria colectiva ata dar cos que compuxeron o heterodoxo grupo dos erguidos en armas contra a II República, os cómplices necesarios as razóns da súa alianza e o porqué dos seus actos e do seu acomodo no partido único». En Xerais explícase que, no libro, Amoedo “analiza de forma exhaustiva a organización interna da Falanxe na provincia de Pontevedra”. O autor informa aos lectores dos distintos sectores da sociedade que participaron nos actos da represión durante a ditadura franquista.

Belén López

Comentarios pechados