Menu Xerais

Crónica de H. Pena sobre dous dos libros de Xerais en torno a Lois Pereiro: a «Poesía completa» e «Lois Pereiro, náufrago do paraíso»

O Xornal de Galicia publicou unha crónica de H. Pena sobre dous dos libros que Xerais en torno a Lois Pereiro: a Poesía completa, en edición de Ana Acuña, e Lois Pereiro, náufrago do paraíso, de Marcos Calveiro, publicado en Fóra de Xogo. A maiores, nos próximos días distribuirase nas librerías a obra ensaística de Lois Pereiro baixo o título Modesta proposición e outros ensaios e, posteriormente, a biografía Lois Pereiro. Vida e Obra escrita por Iago Martínez. Reproducimos integramente a información do Xornal de Galicia referida aos dous primeiros títulos:

Xerais reúne a poesía de Lois Pereiro
A editorial galega lanza dous textos que, de xeito ben diferente, xiran en torno ao universo do poeta protagonista do Día das Letras Galegas
Con motivo do nomeamento de Lois Pereiro como protagonista do Día das Letras Galegas 2011, estase a producir unha profusión de títulos co poeta monfortino como protagonista. A editorial Xerais vén de lanzar dous volumes que, de xeito ben diferente, xiran en torno ao universo de Lois Pereiro. Trátase da biografía novelada de Marcos Calveiro, Náufrago do paraíso, e da Poesía completa de Pereiro, reunida por primeira vez pola profesora e investigadora Ana Acuña.

En Náufrago do paraíso, Marcos Calveiro novela a vida do poeta, estruturando unha “falsa biografía” do autor como se dun guión de cine se tratase. O seu responsable explica para Xornal que foi “toda unha honra” para el escribir este libro. “Sempre fun un gran seguidor e admirador de Lois Pereiro, pero, pese a iso, tiven que investigar e indagar moito, porque penso que a personaxe requiría algo distinto da típica biografía”, sinala.

Con respecto á estrutura do texto, Calveiro indica que o libro “parte dunha anécdota real” para logo trazar un percorrido “ficticio” sobre a vida de Lois Pereiro. “Eu recréoo á miña maneira e son as miñas palabras as que poño en boca de personaxes reais”, apunta. Cabe destacar que esta biografía vai máis aló da vida do propio Lois, “chegando até o ano 2010, no momento en que se lle nomea como protagonista do Día das Letras”.

Outra das peculiaridades do traballo de Marcos Calveiro é que se trata dunha obra dirixida ao público xuvenil –“que grazas á súa estrutura podería incluso ser representada por escolares”–, non obstante, o seu responsable precisa que “realmente é un libro para todo tipo de públicos”.

O autor afirma que “non tería feito este libro” de non ser un gran admirador do de Monforte. “Dende a primeira vez que abrín un libro seu caín rendido ante a súa poesía. Lois representa a modernidade e, pese á distancia xeracional, tivemos problemas e sentimentos similares”, di Calveiro.

Por último, e cuestionado acerca de se hai hoxe algún escritor que se achegue ao espírito punk de Pereiro, Marcos Calveiro responde que “a súa inexistencia pode ser reflexo da sociedade, se non os hai é seguramente porque non os esixe”.

TODO LOIS PEREIRO

Por outra banda, a investigadora e profesora da facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra, Ana Acuña, reuniu as obras completas de Lois Pereiro nun mesmo volume. 
Así, Acuña compendia os poemas que Pereiro publicou na revista Loia, no libro Poemas 1981-1991 e en Poesía última de amor e enfermidade. Ademais, a profesora rescata outros textos do poeta, como Nostalxias siamesas, un poema asinado polo propio Pereiro e Piedad Cabo que foi publicado no magazine Luzes da Galiza.

Para finalizar, o volume inclúe tamén outros dous textos de Manuel María e de Manuel Rivas –Xustificación e O viaxeiro que non se detivo na derradeira estación– que abren o libro póstumo Poemas para unha Loia.

H. Pena

Comentarios pechados