Menu Xerais

Crónica de Mar Fernández Vázquez sobre «Reckless», de Cornelia Funke, na que recomenda a súa lectura

Mar Fernández Vázquez publica hoxe en El Correo Gallego unha crónica sobre Reckless, de Cornelia Funke, na que recomenda a súa lectura. Pódese descargar en pdf. Reproducímola integramente:

Cornelia Funke en galego tras cruzar Will o espello

Manuscrito atopado, intertextualidade, fórmula literaria do espello e imaxinación desbordante na realidade «Reckless»

Partindo do tópico do manuscrito atopado, da fórmula literaria do espello, da intertextualidade e dunha imaxinación desbordante Cornelia Funke (Dorsten-Alemaña, 1958), autora dunha obra recoñecida e lida mundialmente, alicerza o universo literario da novela fantástica Reckless. Carne de pedra.

Grazas a unha potente campaña de promoción esta novela presentouse á vez traducida a doce linguas. Para valorar o transvasamento ao galego débese agardar á cuarta entrega desta pentaloxía sobre contos europeos de transmisión oral do século XIX na que Funke destacará os contos galegos ao se inspirar nos de España.

A influencia dos irmáns Grimm é omnipresente. Así, no primeiro capítulo recupera o principio dos contos da transmisión oral, “Había unha vez”, e no último, a fórmula “E foron felices”. E non só toma o nome dos irmáns Reckless destes recompiladores senón que o universo da súa escrita se identifica no lirismo da literatura de Funke, tamén influída por Astrid Lindgren, Charles Perrault e polas aventuras vividas pola Alicia de Lewis Carroll.

Se en Carroll a fantasía axuda a crear situacións humorísticas, ocorrentes, amables e cheas de tenrura, Funke reescribe os contos da transmisión oral dándolle liberdade creativa a personaxes malvados, subvertendo así os roles tradicionais que estes personaxes desenvolvían para facer reflexionar sobre a súa funcionalidade e creando así unha nova realidade marcada polo medo a algo descoñecido pero atraente.

En Reckless chaman a atención unha serie de trazos: a dualidade ben/mal nos personaxes e espazos; o poder oculto dos seres marxinados por ser diferentes; o medo que sente Jacob a se ver a si mesmo; o seu sentimento de culpabilidade por abandonar a Will para fuxir á realidade agochada tras o espello e por cometer un erro de graves consecuencias para seu irmán; a súa actitude negativa e desesperada ante a transformación de Will; a dureza que vai poboando o seu corazón ao mesmo tempo que o xade se estende no corpo de seu irmán; o tenebrismo, a tristura e a existencia dunha realidade nova que inquieta pero acaba atrapando a quen penetra nela; e a existencia dunha voz narrativa que actúa como a conciencia de Jacob, aínda que ao comezo da historia semella ser a figura do pai morto, quen descubrira o espello e o tiña no seu despacho para llo ocultar á súa familia.

Nova realidade. Recomendamos a lectura de Reckless porque Cornelia Funke extrae do rico legado dos contos de fadas da transmisión oral personaxes, situacións e ambientes que revisita para crear unha nova realidade. Calquera lectorado pode recoñecer elementos como a espiña dunha rosa, un bico que fai espertar, ananos, bruxas, fadas, Barbazul, Lorelay, Rapunzel e a casa de Hansel e Gretel, e así reler de novo indirectamente os contos da súa infancia e adolescencia.

Mar Fernández Vázquez

Comentarios pechados