Menu Xerais

Crueza e afecto cun halo feiticeiro: «O aroma do liquidámbar», de An Alfaya. Crítica de Paula Fernández

Paula Fernández publica hoxe nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre sobre O aroma do liquidámbar, de An Alfaya, ilustrado por Marina Seoane.

 

Crueza e afecto

Con doses de humor

O aroma do liquidámbar é a historia de Miro,un rapaz que vive cos seus avós e o seu tío porque súa nai Susana está no cárcere, pero ao tempo tamén é a historia de Daniel, o raparigo inmigrante que convive con Miro que tamén ten a súa nai, Adelaida, ausente, xa que tivo que volver a Guatemala para coidar da avoa enferma. Son historias paralelas que parten dunha situación de desasosego e van pasando por períodos emocionais de maior ou menor intensidade, que Marina Seoane transmite fielmente nas súas ilustracións, e que chegan ao seu clímax cando Miro coñece a verdade sobre os seus pais.

Pensamentos e pesadelos atormentan os rapaces, moi novos para enfrontarse á dureza con que ás veces castiga a vida, mais a naturalidade e o afecto familiar eríxense como as vías para superar esa crueza.

An Alfaya (Vigo, 1964) presenta de maneira interesante a evolución dos protagonistas e da súa situación familiar, valéndose de recursos narrativos que gradualmente dinamizan a acción –até arredondar dúas vidas que xa estarán unidas para sempre–, doses de humor e certo halo feiticeiro e cativador que evoca á maxia hispanoamericana.

 Paula Fernández

 

Deixa un comentario!