Menu Xerais

Dá xenio ler esta novela: «De remate», de Héctor Cajaraville. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no suplemento Fugas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre a novela  De remate, de Héctor Cajaraville, Premio Xerais de Novela 2015.

 

Matrioskas cheas de vida

Galardoado co premio Xerais 2015, «De remate» supón a carta de presentación dun orixinal e prometedor creador

Dá xenio ler esta novela, a primeira, de Héctor Cajaraville onde, ademais de entreter e divertir -que non é pouco- revitalízase o concepto de novela, aventurándoa por novos horizontes. O autor ofrece unha fusión, se se quere unha compilación estruturada milimetricamente, integrada por columnas de opinión, fragmentos dun diario, apuntamentos de diversos blogs, entrevistas, borradores de documentos informáticos, correos electrónicos, poemas ou mesmo documentos de índole xurídica: pequenas illas narrativas que funcionan a xeito de matrioskas a suxeriren arreo novas historias  a través da presenza, e da memoria, de Bieito Sanmarful: un «Balbino do século XXI» e xornalista de profesión, a quen é difícil non querer tras coñecer o que nos revela da súa vida, talvez porque esta se materializa coas súas propias contradicións e cos seus fracasos, tamén con algúns éxitos colleitados.

De remate, ademais, é quen de radiografar, con profundidade e mesmo enxeño en moitas ocasións, e mercé ás confesións, evocacións, recordos e experiencias relatadas, o discorrer do noso tempo, as precariedades e miserias que nos rodean con acaídas doses de humor e ironía, elevadas a trazos singularizadores do propio Sanmarful e mesmo da novela, o que posibilita articular un personaxe sólido, dominado por esa indisimulable querenza a analizar a realidade do seu día a día desde outro prisma diferente; tamén pola tendencia a fantasiar, por ser un militante da palabra, por ser quen de revisar o seu propio pasado, por veces con nostalxia como é case inevitable mais sempre con honestidade. Hai moito sentimento e emoción neste último premio Xerais e, xa o dixen, moito humor, cousa que sempre é de agradecer.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados