Menu Xerais

Darío Xohán Cabana: «Facía falla unha política cultural galeguista potente, e non a hai»

Armando Requeixo publicou na sección «Parlamento das letras» do seu blog Criticalia unha entrevista con Darío Xohán Cabana.

 

 

Parlamento das Letras

Darío Xohán Cabana

 

Aí lonxe, lonxe, lonxe vén un home. Évos cabaleiro da república de noso, principal de Roás e toisonado polas Florencias, escudeiro fidel de El Rei don García. Seica trae recado para os que por esta pousada pasades, pois, segundo se conta, leva tempo profundando nos segredos do home e a Terra. O seu é un cismar soturno, tal que unha elexía na escuridade mortal, pechado sempre na súa fraga amurallada, un sentir de preto cantar a morte sen que o amor vilao e o tempo liso sexan quen de frear tamaña cabalgada na brétema, entre inimigos.

Ultimamente agradece o indicible as verbas dos irmaos de fatigas, talvez porque esa luzada romanceada de verbas avelaíñas sexan a única que abra para el as portas ao día e lle recorde que aínda hai esperanza para a Patria grande do Mar e da Chaira. O seu curmán na batalla, don Galván de Saor, apeou hai tempo a montura e, tras anos de cruzar o reino todo, dende o Lugo bimilenario ata o burgo do Sur, pasando polas costas do Solpor, agora descansa na súa casa grande de Romeán, esquecido do Cabaleiro Negro e Cándido Branco, apenas con memoria de cervo ferido, temeroso da morte de El Rei.

Tan só dona Amelia, a lúa de tenrura que convoca a marea dos conceptos, espaventadora do escuro terroroso ventimperio, consegue arrincar o cabaleiro do seu teimudo cerco de ferro, ese perenne matinar en como salvar o reino, os mitos e memorias, gardar recordo das vidas senlleiras e da fala nosa, a mesma que aprendeu con Monsieur Blázquez e aínda cos altos retóricos da universidade irmandiña, os infantes don Manuel e don Xosé Luís.

Védeo aí como se achega. ¿E el traerá boas novas na lingua das xentes dos ducados? ¿Se callar algunha cántiga antiga de Oc ou unha lizgaira versada argallada no dolce stil novo?

Mais non convén distraelo, que ha traer moito que dicir e pouco vagar, pois ás portas do Reino petan xa os usurpadores e don Darío terá de se aprestar ao combate contra as hordas láridas. Abride as portas e escoitade o cabaleiro da estrela vermella no peto. Ergueu a viseira e arrebolou as luvas de malla. Semella que a mensaxe é grave…

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

O meu primeiro libro de versos publicoumo en 1970 Manuel María, naquela colección Val de Lemos que facía en Monforte. Antes —pero case non había un antes porque eu acababa de facer os 18 anos— algúns poemas soltos nalgunha revista escolar ou nalgún periódico, porque levaran un premio ou algo así.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

A mellor tratada, con moito, Galván en Saor, que foi unha cousa fulminante, esaxerada. Despois, a min parecíame que O cervo na torre e Morte de rei eran mellores novelas, e sen embargo tiveron pouca fortuna… Ó mellor estou equivocado e son malas. En todo caso, o que ficou ben claro é que non eran oportunas. O que me sorprendeu é o pouco que se tivo en conta o meu último libro de poemas, Cabalgada na Brétema, xa do 2006, onde me parece que hai varios poemas bastante bos. Un deles, perdón por dicilo tan sen modestia, mesmo moi bon, Laudes rerum, que lles gustou moito, ou iso me dixeron sen eu lles preguntar, a Ferrín e a Torres Queiruga. Ou sexa, que se me queixo é de vicio, gustándolles a tales dous… En conxunto, a crítica sempre me tratou moi ben, e iso que lle chaman o público aínda mellor.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Agora non escribo nin narrativa nin poesía, e o que máis fago é traballar na tradución de poesía. Aí non che hai manías nin hábitos que vallan, o que hai é teimosía e disciplina, e diso vou tendo abondo de momento.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Pois non che sei, estarei a gusto con quen me toque. Pero podendo elixir, se estivera como poeta gustaríame figurar como epígono da Grande Xeración de Manuel María e Ferrín. «Aquí o pequeno», dicía o Manuel María… Por idade, moito me gustaría estar con Pexegueiro e con Marica Campo e con Xavier Rodríguez Barrio, cos que dun xeito ou doutro creo ter moitas afinidades. E se me poñen como narrador, xa sempre con xente da miña idade, con Xosé Miranda poñamos por caso. Aínda que non fose máis ca porque foi lendo unha novela del, Historia dun paraugas azul, daquela aínda inédita, cando me decidín a escribir Galván en Saor.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

Pois supoño que a miña teimosía na procura da forma e da lingua fermosa. E sobre todo o meu traballo como tradutor de poesía.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Tantos que xa non sei. Rosalía, Pondal, Otero Pedrayo, Manuel Antonio, Cunqueiro, Ferrín e moitos máis aínda, entre os da nosa lingua. E polo mundo adiante, Dante e Petrarca, xaora, o Camões lírico, Gaspara Stampa e os poderosos sonetos de Miguelanxo, Ronsard, Du Bellay, Louise Labé e en xeral os poetas franceses de antes do malherbismo (pero o Malherbe dos sonetos eróticos tamén é moi bon), Victor Hugo poeta e novelista, Dumas (que probablemente foi o máis grande animal narrativo da historia), Gérard de Nerval, en xeral toda a poesía do XIX francés, e Valéry, Péguy e Éluard tamén, Mistral, Leopardi, Carducci, Eça de Queirós, Valle-Inclán… Ben ves que son moi antigo.

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

A literatura galega é unha literatura maior. ¿Ou acaso hai nas Españas un poeta de setenta anos coma Méndez Ferrín, ou unha poeta de trinta coma Olga Novo? O único que lle falta á literatura galega é a independencia nacional, pero iso fáltanos a todos, non só ós escritores. E sobrar non vexo que sobre nada: que nazan cen flores e que florezan cen escolas. Incluso os libros mediocres fan de base prós altos cumes. E os malos de todo, con non lelos xa está.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Escribir de meu xa escribín abondo. Se cadra aínda escribo algún conto prá miña neta, e ó mellor algún poema, algún ensaio. Novelas non creo. Pero gustaríame acabar de traducir unha boa escolma de Ausiàs March e todo François Villon polo menos, que foron os máis grandes poetas de lingua neolatina do século XV. Ós poetas franceses do XIX tamén me gustaría meterlles o dente, pero iso déixollo, e mándollo, e obrigábao se puidera, a Gonzalo Navaza, que fixo xa esa soberbia tradución de Baudelaire.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Xa dixen, unha literatura maior en todos os xéneros. Bastante máis de media ducia de grandes poetas e bastante máis de media ducia de grandes narradores en plena madurez, e xente moi nova chea de talento e de forza, sobre todo mulleres, por certo. Pero o público lector en galego é moi reducido, e temo que aínda estea revendo nestes últimos anos.

Facía falla, como mínimo, unha política cultural galeguista potente, e non a hai. Cada vez a hai menos, en nome desa barbaridade de que a cultura se debe someter ás leis do mercado.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Pois quería recomendar un libro: Cráter, de Olga Novo. Pra min foi coma unha bomba, e creo firmemente que é unha cousa grande. E se me deixas, recomendarei tamén unhas cantas relecturas que fixen recentemente: Advento de Manuel María; A ponte das poldras de Chus Pato; O soño sulagado de Celso Emilio; Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen, de Bernardino Graña; e xaora, os Cantares galegos de Rosalía, ese libro xigante, verdadeiramente nacional-popular. Pero os Cantares poden esperar a que saia a nova edición que vai quitar Anxo Angueira e que seguramente vai levar un prólogo extraordinario.

Comentarios pechados