Menu Xerais

«Dark butterfly», de Rexina Vega: Unha viaxe desacougante. Por Xavier Queipo

O escritor Xavier Queipo fainos chegar unha opinión crítica da súa lectura de Dark butterfly, de Rexina Vega.

«Dark butterfly», de Rexina Vega: Unha viaxe desacougante

Esta non é unha crítica, pois ese non é un xénero literario que eu practique, entre outras cousas por un descoñecemento das técnicas de análise que o configuran. Falo das novelas que me impactan, por calquera razón, coñecida ou oculta, pola súa beleza formal ou pola dureza das pasaxes que nela se describen. Ás novelas que non fan acordar en min unha sensación podo reconocerlles os seus méritos, mais non me levan a poñelos por escrito. O exercicio da crítica require dunhas cualidades das que eu non dispoño. É pois, simplemente unha nota, unha opinión, se cadra unha recensión sobre unha novela que veño de rematar en dúas sentadas co abraio prendido nas entrañas.

Diso vai a novela ao meu parecer, de entrañas, de desequilibrio, de desacougo, de vivencia sentida da esquizofrenia en dúas modalidades diferentes, a de desdobramento da personalidade e a de delirio paranoico. A personaxe central, narrada en primeira persoa, sofre da primerira destas variantes e a súa amiga María, da que sabemos a través do espello deformado da percepción da narradora e das súas cartas dende o seu refuxio / fuxida a Barcelona sofre da segunda, ou sexa do delirio de persecución tan típico da paranoia. Para min, as mellores secuencias son aquelas que definen precisamente este tipo de enfermidade, cos seus síntomas progresivos de desestructuración mental e de desleixo físico logo do abandono da medicación.

Cunha linguaxe coidade e unha variación formal ao longo das diferentes partes da novela, Dark butterfly conseguiu engancharme dende o principio, se cadra, apunto, por ter eu unha sensibilidade especial por estos temas. A reclusión no psiquiátrico e a humillación que isto supón, tanto no período de encerramento como na etapa seguinte ao ter que se confrontar as doentes coa realidade social, coa compaixón ou o rexeitamento frontal, están narradas cun alento especial, cun coñecemento das circunstancias e dos sentimentos que solprende ao mesmo tempo que prende no lector.

A saída do psiquiátrico, onde se coñeceran as dúas protagonistas, é particularmente dramática e dalgún xeito clarificadora da percepción que a sociedade ten das doenzas psiquiátricas maiores, como acontece coa esquizofrenia. Logo están esas pasaxes marabillosamente logradas da descomposición da personalidade cando María, que fuxe cara adiante, que rexeita o, tratamento, que quere vivir unha vida nova entusiasmada por unha melloría pasaxeira, que pouco a pouco se vai desfacendo en anacos, que teme e treme, que chora e se abisma no lado escuro de si mesma.

Debaixo da tona da trama, agochase un coñecemento de primeira man ou un estudo minucioso da sintomatoloxía e dos tratamentos farmacolóxicos, do esfarelamento progresivo da identidade e do absoluto do medo cando a mente non segue os designios da vontade, cando esta se transforma ou esvaece nunha realidade alternativa.

Non podía ficar sen expresar esta opinión. Unha novela de interiors, psicolóxica se así o prefiren, mais metafórica tamén verbo dos mecanismos do poder, do rexeitamento dos diferentes, de exclusión dos confundidos ou daqueles que tiveron a mala sorte de perderse nos abismos, tantas veces producto da herdanza dos xenes equivocados.

Parabéns a Rexina pola novela e a Edicións Xerais de Galicia pola oportunidade da súa publicación.

Xavier Queipo, Vigo-Bruxelas, 4-6 de Xuño de 2012

Deixa un comentario!