Menu Xerais

David Pobra, gañador do Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira 2013

O escritor David Pobra resultou gañador do Certame de Novela curta Cidade Centenaria de Ribeira 2013. A novela gañadora será publicada por Xerais, tal e como vén sendo habitual. Diversos medios como O Diario de Arousa, La Voz de Galicia, Certo xornal, e Veintisie7e TV. Reproducimos o vídeo desta cadea así como a información de Certo.

O ESCRITOR BARBANCÉS DAVID PÉREZ GONZÁLEZ, GAÑADOR DA CUARTA EDICIÓN DO CONCURSO DE NOVELA CURTA CIDADE CENTENARIA DE RIBEIRA

O AUTOR FAISE CHAMAR DAVID POBRA EN ALUSIÓN AO CONCELLO NO QUE NACEU E A OBRA DISTINGUIDA TITÚLASE “A LIÑA AZUL”, QUE SERÁ PUBLICADA POR XERAIS

David Pérez González –coñecido literariamente como David Pobra en alusión ao concello no que naceu- é o gañador da cuarta edición do Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira.

Así o deu a coñecer o secretario do xurado, José Antonio Otero, nun acto celebrado no salón de plenos da Casa Consistorial hai uns días, na que o escritor foi agasallado co diploma conmemorativo e o cheque de 3.000 euros con que se distingue este concurso literario, ademais da próxima publicación da obra na editorial Xerais. O título da novela, “A liña azul”.

Conexións con Palmeira

David Pérez González tivo palabras de agradecemento ao Concello de Ribeira por convocar este certame e aos membros do xurado por escoller a súa obra. Afirmou que para el este é un premio especial xa que parte da súa familia (incluíndo a súa nai) procede de Palmeira e isto de feito se reflicte na propia novela. David Pobra leu no transcurso do acto un pequeno fragmento da mesma.

O alcalde Manuel Ruiz expresou a súa satisfacción por que o vencedor desta cuarta edición procedese da comarca e tivese vínculos co municipio de Ribeira, e animou ao autor a proseguir polo camiño de literatura, habida conta da calidade demostrada ao ser escollido por un prestixioso seleccionado entre un alto número de obras presentadas (23).

Entre as persoas presentes neste acto (que tamén contou coas notas musicais da alumna de piano do Conservatorio Profesional de Ribeira Michelle Pena) figuraban dous dos membros do xurado: María Goretti Fariña, gañadora do último premio de novela curta con “Orlando Pendurado”, e Cipriano Fernández, escritor e profesor.
O xurado tamén estivo composto por Manuel Bragado, editor de Xerais, e Alicia Padín, responsable do Servizo de Normalización Lingüística de Ribeira. Actuou como secretario o arquiveiro municipal José Antonio Otero, quen ao dar lectura da acta destacou non só a cantidade senón tamén a calidade das obras presentadas, que ían dende a prosa poética ata a tradición oral, relatos de intriga, policía ou xuvenil.

Datos biográficos

O autor naceu na Pobra do Caramiñal o 14 de febreiro de 1981. Licenciado en filoloxía galega e filoloxía hispánica, ten un Diploma de Estudos Avanzados no departamento de Teoría da Literatura e Literatura Comparada. Actualmente traballa na Universidade de Granada.

Entre as súas obras figuran os libros de poemas Poesía primeira de amor desamor e arrefriado, premiado no certame Gzcrea 2008, e Poesía segunda de amor desamor e sinusite, gañador do certame Xuventude Crea 2009. Tamén ten participado en obras colectivas como o libro de relatos Letra en Obras, a antoloxía Contos en Viana (que recolle as obras finalistas do certame Valle Inclán de relatos) ou Vivir un soño repetido (en homenaxe ao poeta Lois Pereiro).

O concurso naceu no ano 2006 co gallo de conmemorar os 100 anos da cidade de Ribeira e serve para difundir e potenciar a lingua galega na sociedade. Ten carácter bienal. As obras presentadas contan cunha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 140.000 e están escritas en galego.

 

Deixa un comentario!