Menu Xerais

De «Acio sanguento» a “Todo sobre o fútbol galego». O percorrido literario de Carlos Freire, por Diego Ameixeiras

Diego Ameixeiras publicou un artigo no suplemento Culturas de La Voz de Galicia o pasado 4 de agosto, titulado “Miradas de esguello”, sobre Carlos Freire Cordeiro, autor de Acio sanguento, do que Xerais publicará tamén en breve o libro Todo sobre o fútbol galego.

 

Miradas de esguello

Xa  pasaron uns cantos anos, pero Carlos Freire Cordeiro (Moaña, 1970) aínda segue conservando un vello tesouro da adolescencia: un recorte dun xornal no que se suxería, a partir dunha enquisa entre algúns críticos e escritores, esa posible lista definitiva coas cincuenta mellores novelas do século XX. Abría a relación Na busca do tempo perdido de Proust, seguido do Ulises de Joyce. As escollas son sempre parciais e subxectivas, así que se entre os consultados estivesen André Malraux ou Albert Camus, seguramente aparecerían nos postos de honra algunhas obras de Horace McCoy ou Dashiell Hammett. E se lle preguntasen a André Gide e a Jean Paul-Sartre, pois tamén.

Precisamente, Carlos Freire púxose ás ordes do autor de Colleita vermella (1929) cando deu a luz a súa ópera prima, Acio sanguento (Xerais, 2007), texto co que mereceu o Premio de Novela por Entregas deste xornal na súa edición de 2005.

Era a presentación en sociedade do inspector Daniel Sieiro, un introvertido policía «capaz de ver ata debaixo do alcatrán» e un personaxe trazado de xeito aparentemente esquemático, pero cuxa interesante psicoloxía deixaba moitos ángulos abertos a segundas lecturas. Narrada con pulso firme e con efectivos matices neopolares moi acaídos para as truculencias criminais que debe investigar Sieiro, a novela consegue transmitirlle ao lector, en pequenas doses, a atmosfera insá e claustrofóbica dunha cidade sen nome, pero identificable con calquera poboación costeira do país.

Gran afeccionado ás lecturas de astroloxía –volve con asiduidade ás páxinas de Richard Idemon, Jerónimo Brignone ou Eugenio Carutti–, Freire abandonou parcialmente os parámetros do policial no 2008, ano no que publicou Acompañamento para fuga (Biblos), conxunto de relatos que inclúe algúns achegamentos ao xénero pero en cuxa diversidade caben historias sobre a traizón, a memoria ou as pantasmas familiares. En breve estará listo o seu agardado abecé do fútbol galego, volume que editará Xerais nos vindeiros meses. Cóntanos que a obra, escrita a medio camiño entre os moldes enciclopédicos e a crónica xornalística, recolle a historia dese deporte en Galicia dende os seus inicios ata a actualidade, con algúns apuntamentos líricos que rescatan do esquecemento grandes xogadores e personaxes descoñecidos do noso fútbol. Seguro que os afeccionados non poderán resistirse. Sobre o futuro de Daniel Sieiro, confiemos en que algún día lle abra unha porta ao seu merecido retorno.

Diego Ameixeiras

Deixa un comentario!