Menu Xerais

«De Xente Nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde», o próximo libro de Xosé Fernández Ferreiro

O xornal de Galicia publica a nova dunha das novidades de Xerais para o último trimestre do ano: Da xente nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde, de Xosé Fernández Ferreiro. Reproducimos a información de Alberto Ramos:

Fernández Ferreiro retrata a alma «revolucionaria» do Brais Pinto

O novelista lanzará ás librarías a súa visión do colectivo nunha obra titulada De Xente Nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde

Ferreiro ve un desinterese nas autoridades á hora de defender e sentir o propio

“É unha crónica, é unha reportaxe. Son unhas memorias”. Así describe o escritor Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931) o que será o seu próximo libro: De Xente Nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde. Nesta obra, que publicará en outono Xerais na súa colección Crónica, Fernández Ferreiro retratará as vivencias do histórico Brais Pinto, grupo do que formou parte. “É unha crónica dese grupo, pero tamén de Xente Nova, un colectivo que creei en Ourense e que foi o antecedente do que sería o Brais Pinto”, explica o autor. Non obstante, Fernández Ferreiro vai máis aló e non se queda só no colectivo intelectual formado a finais dos cincuenta. A súa é unha aposta máis global e contextualizadora. “Son unhas memorias dese tempo, de todo o que estaba a acontecer nos tempos do Brais Pinto e de todo o que estaba ligado ao grupo. Fálase de moitísimas cousas. Tamén conto moita miseria, hai unha gran crítica social”, destaca o narrador, que dende comezos de xuño é membro electo da Real Academia Galega.

Fernández Ferreiro foi un dos membros dun Brais Pinto que aglutina unha serie de nomes que son imprescindibles para entender o devalar cultural e político de Galicia dos últimos sesenta anos. “O grupo era importante, pero non só por publicar en galego en Madrid cando non se facía nin en Galicia. Foi importante polo que fixeron a nivel individual cada un dos seus membros”, destaca o autor referíndose –entre outros– a Méndez Ferrín, Reimundo Patiño, Bautista Álvarez, Herminio Barreiro, Bernardino Graña ou Ramón Lorenzo. Todos eles formaban unha caste de intelectuais que, a ollos de Fernández Ferreiro, atravesou “o deserto da posguerra” durante corenta anos. “Pero non só a posguerra dunha única guerra. Neses tempos houbo moitas guerras e nós levamos sempre a Galicia no corazón e morremos sendo galegos. Así se cumpre como galegos”, sentencia.

Para o autor de Agosto do 36, a razón de ser e a alma rebelde daquel colectivo nacido no afastado Madrid dos 50 continúan vixentes a día de hoxe. “Ese espírito revolucionario segue vivo hoxe. O home ten que ser un pouco revolucionario, ten que ser un pouco inconformista”, reflexiona o académico electo.

A REVOLUCIÓN DE LORENZO

Ese espírito inconformista e rebelde, esencia manifesta do Brais Pinto, é o mesmo que proclamou o pasado domingo Ramón Lorenzo quen, ao recibir o Premio Trasalba, convocou os galegos a unha revolución a prol da lingua. “A lingua está nun momento complicado e, como dixo Ramón Lorenzo, que é o gran escudeiro da lingua e o noso gran filólogo, fai falla unha revolución. Se non temos ese revolución, o galego váisenos”, advirte Fernández Ferreiro. Esa revolución ten que vir, segundo o autor de Corrupción e morte de Brigitte Bardot, polo sentimento. “O galego non o hai que falar só, haino que sentir”, explica o escritor.

“NON SENTEN GALICIA”

Ferreiro ve un desinterese nas autoridades á hora de defender e sentir o propio. “Estes políticos, estes ou da cor que sexan, non senten o galego nin senten Galicia. E a xente que lle importa tres pitos Galicia… pois alá eles! Pero algún día poden pasar como os responsables de que o galego poida morrer”, advirte o escritor, que considera ademais que “a xente está demasiado bombardeada por esa política”. Nesta visión, o escritor envía unha mensaxe ás clases dirixentes, pero tamén á sociedade. “Paréceme ben que a xente fale castelán, que fale inglés; é normal. Pero tamén ten que falar o galego, porque é a lingua de seus pais e da aldea e todos procedemos dalgún xeito da aldea… Pero claro, a aldea está a morrer. A miña xa morreu”, láiase.

O escritor considera que a situación que atravesa o galega a día de hoxe vén dada por un “autoodio” que non se superou. “No fondo hai ese autoodio do que se ten falado moito, ese odio ao propio que acaba enxalzando o outro. Ese autoodio é galego, pero tamén é moi español”, explica. Esa autoxenreira que pode seguir presente en Galicia tamén a viviu na súa mocidade. “Eu cando marchei da aldea e fun estudar a Ourense, tiña o complexo de falar galego e quería falar castelán. Era un complexo que tiven e que superei pronto, porque é a lingua de meus pais, a miña lingua. O complexo era unha carallada, pero tivo que pasar tempo para darme de conta”, sinala.

O complexo é unha parte afastada da súa memoria, pero o espírito revolucionario do Brais Pinto está aí, no sentimento galego. “Eu nacín falando galego, e morrerei falando galego. E sobre todo, sentíndoo”.

Alberto Ramos

Comentarios pechados