Menu Xerais

Desencanto e creación cultural en «Vigo a 80 revolucións por minuto», de Emilio Alonso. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Vigo a 80 revolucións por minuto de Emilio Alonso.

 

 

Panorama dos oitenta

  Ao longo das cerca de catrocentos páxinas deste libro Emilio Alonso dános a historia da movida viguesa dos oitenta. Pero o libro é algo máis. É sobre todo unha socioloxía da década dos oitenta e dos cambios que, especialmente na xuventude, se produciron nestes anos e de como o compromiso político ou as formas de entretemento dos mozos dos sesenta e dos setenta xa non seguen vixentes na xeración dos oitenta. En certo xeito, Emilio Alonso actúa de cronista da chegada e triunfo do que por aqueles anos deu en chamarse a contracultura e o desencanto.

Como ben sinala o autor, na década dos oitenta prodúcese un certo esgotamento da xuventude, caracterizada nos anos sesenta e setenta, en gran medida, polo compromiso político e pola militancia antifranquista. O autor fala do cansazo que se produciu nesta loita polo que daquela se denominaba o Desencanto perante as expectativas que frustrou a Transición. O desengano libérase na expresión de gozo, individualismo e mesmo afán lúdico que amosa a movida, segundo acertadamente sinala Emilio Alonso.

Con todo, un proceso similar viviuse no noso contorno cultural. A mocidade inmediatamente posterior ao maio do sesenta e oito e á protesta dos campus estadounidenses experimentou unha evolución parella á da xuventude viguesa que nos retrata este documentado libro. Unha serie de pensadores que van desde Norman Brown a Marcuse, pasando por Paul Goodman, Abraham Maslow ou o propio Octavio Paz, sinalan nestes novos movementos xuvenís, como o da movida, unha recuperación do homo ludens. Fronte á sociedade capitalista ou socialista tan distintas, mais tan iguais ao condicionaren todo á eficiencia e ao rendemento, de tal xeito que ata o pracer sexual valía en canto posibilita ser máis produtivo, agora imponse a vida como gozo, como xogo. Mesmo a estética é parte dese xogo. Fronte á represión ou á pseudoliberdade que disfraza a represión dos órganos rectores da sociedade, estes mozos propoñen o ocio, o xogo, o relaxamento, o pracer. Ben é certo, como acertadamente sinalou Marcuse, que iso só é posible nunha sociedade avanzada e nos estratos que gozan dun certo nivel de privilexio. Os protagonistas da movida viguesa pertencen a esa sociedade avanzada e por iso é un movemento fundamentalmente urbano e mais en castelán. A presenza do galego na movida non é máis ca anecdótica.

Os mozos da movida non realizan ningunha revolución de tipo social, pero si  realizan, como moitos dos seus coetáneos do noso contorno cultural e económico, unha revolución individual e vitalista. Os principios do maior francés do 68 ou dos campus universitarios americanos do remate dos sesenta de ser felices e superar calquera tipo de represión son o obxectivo destes mozos, que buscan de xeito dionisíaco o pracer, o ocio, o xogo, en definitiva, non suxeitan a súa vida aos criterios de produtividade e rendemento económico. O espírito lúdico triunfa sobre a tecnocracia e mais sobre a economía. A liberdade e a realización persoal privan sobre o que ditan os aparatos ideolóxicos, sexan do signo que sexan.

Por outra banda, desaparece agora nestes mozos o característico espírito de sacrificio, tan propio tanto do capitalismo calvinista como da revolución socialista-comunista. As revolucións han de facerse, pero sen sacrificios. A verdadeira revolución é o gozo e a felicidade individuais, cada un a súa. Hai que gozar e divertirse tal e como pide o corpo de cada quen. Xa que logo, o espírito lúdico e de exaltación do gozo, dionisíaco e individualista da movida cómpre entendelo como un triunfo a nivel individual, que non social, de moitos dos principios do maio do 68.

Claro é que a movida vai ser instrumentalizada por un poder político que subliña o seu carácter desmobilizador, especialmente dos máis novos, como acontece coa utilización que da movida viguesa fai o PSOE, en plena reconversión naval e económica, como ben sinala Emilio Alonso ao estudar o encontro Vigo-Madrid do 86 auspiciado por Leguina e Soto.

Xa que logo, a movida supón unha nova forma de entender a vida onde prima o homo ludens e o gozo. O individualismo imponse a calquera dirixismo.

Emilio Alonso estuda polo miúdo como se produciu isto no Vigo dos oitenta e por extensión en toda Galicia e con referencia ao acontecido no resto de España, así como a súa incidencia non só na música, senón tamén na moda, no audiovisual e ata as súas implicacións coa literatura, con grupos como os sucesores de Rompente.

Especialmente acertado está o autor cando sinala que a movida non desapareceu, senón que o que aconteceu é que a forma de vida que comezou por ser propia de duns dous centos de persoas en Vigo, hoxe rematou por ser unha forma máis de diversión. O que era duns poucos, converteuse nunha opción máis de diversión para moitos.

O estudo amosa moi ben non só como os políticos, supostamente progresistas e de esquerdas, tratan de apropiarse da movida, como xa dixemos polo que ten de desmobilizador e de volta ao individualismo. Tamén acerta Emilio cando di que a movida existe no momento en que é sacralizada polo xornal madrileño El País, verdadeiro BOE da progresía oficial e filosocialista, que mesmo conta cos seus intelectuais, escritores e xornalistas orgánicos. A reprodución de artigos xornalísticos que realiza sobre o fenómeno da movida é impagable e axuda a comprender moi ben a evolución da nosa sociedade desde a Transición ata hoxe mesmo, así como o poder de órganos como El País.

O autor non cae na instrumentalización que da movida fixeron algúns políticos cando nas páxinas finais do libro sinala cal é a verdadeira movida destes nosos tempos: a insubmisión do movemento 15-M.

Para os interesados pola música, fanzines e demais aspectos da movida dos oitenta o libro é un verdadeiro tesouro de datos, ata cun índice alfabético dos grupos musicais dese momento.

En canto á lingua o autor opta por un rexistro xornalístico acaído para o tema, con parágrafos que non adoitan pasar das cen palabras significativas e onde non faltan a ironía nin moitas veces a meditación de fondo. Consegue un galego capaz para expresar o mundo da música ou do audiovisual co emprego de neoloxismos tan acertados como abreconcertos, picadiscos, xeracións postalfabéticas… Xa que logo, parabéns así mesmo para o tipo de lingua conseguido.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!