Menu Xerais

Desmontando falsas verdades: «Para unha crítica do españolismo», de Camilo Nogueira. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica de  Para unha crítica do españolismo de Camilo Nogueira.

Galeguismo contra españolismo

Unha obra política feita por un histórico da política como Camilo Nogueira é a proposta de Manuel Rodríguez. Un libro onde o autor tenta desmontar a historia “castelanista”, demostrando a importancia que tivo o antigo reino de Galicia na Alta Idade Media e que foi negada por Ximénez de Rada para empoleirar o reino de Castela.

Camilo Nogueira reúne neste libro un feixe de ensaios onde desmonta falsas verdades que o españolismo espalla a diario na sociedade a través xa non só das institucións e leis, senón tamén dos medios de comunicación e dos libros de texto que manexan os nosos escolares. Por iso, benvido sexa este volume.
Nogueira establece acertadamente como antes da Revolución francesa non existían os conceptos de nación-estado, senón que primaba o de dinastía. As nacións eran simplemente propiedades territoriais das monarquías. Coa Revolución francesa vai cambiar isto. Mais os territorios das monarquías van converterse tras 1789 nos territorios das novas nacións-estado, esquecendo as diferenzas entre as diversas nacións que de feito integraban os territorios do monarca. A educación e a lingua única para todos estes territorios van ser os grandes creadores do concepto destas nacións-Estado, que tentan borrar as antigas nacións que integraron os territorios das monarquías. Fronte a isto, levántanse os movementos das nacións sen Estado asoballadas por este centralismo nos séculos XIX e XX. Así, Nogueira, estuda o proceso de creación dos Estados centralistas, como o francés ou o español, a partir dos territorios das antigas monarquías, o que supón o asoballamento de moitas identidades nacionais que formaron parate deses territorios dinásticos.
A seguir analiza a problemática das nacións sen Estado, como é o caso de Galicia. Exemplifica como os Estados centralistas, entre os que se inclúe o Estado español, unifican especialmente a través da lingua e da educación, sendo fundamental a visión da historia que este Estado central ofrece nos centros de ensino. Pasa revista a diversas teorías sobre o nacionalismo para concluír que a lingua e o ensino son fundamentais na creación da conciencia nacional. Deste xeito a lingua ou a cultura dos Estados centrais son as modernas, adecuadas para os tempos que corren mentres que as da nación sen Estado son arcaicas, feudais, inútiles.
Para desmontar a historia castelanista, procedente entre outros do Centro de Estudios Históricos de Menéndez Pidal ou de historiadores como Lafuente, Nogueira demostra a importancia do antigo reino de Galicia na Alta Idade Media, que foi negada por Ximénez de Rada para empoleirar o reino de Castela. O españolismo inventa un reino de Castela para encher o baleiro entre os séculos VIII e XII a partir da obra De Rebus Hispaniae de Rodrigo Ximénez de Rada. Afonso X asumirá esta interpretación de Rada. Nos séculos XIX e XX o españolismo dos Lafuente, Menéndez Pelayo, Pidal ou os membros do pidaliano Centro de Estudios Históricos asumirán as supostas calidades castelás e o castelán como característicos de toda España, representadas polo enxalzamento non só do castelán, senón do Poema do Cid ou mesmo das Crónicas e do labor historiográfico castelanista de Afonso X.
O grande ideólogo do castelanismo vai ser Menéndez Pidal e mais a súa escola histórica e filolóxica. Ata aquí nada que opor a Camilo Nogueira. Mais Nogueira non saca conclusións sobre este feito nin analiza como ata na propia Galicia calla o españolismo lingüístico, histórico e político ligado a Menéndez Pidal e á súa escola lingüística e histórica. O españolismo lingüístico, histórico e político non se queda no eido dos eruditos, como parece testemuñar o libro de Nogueira. Como sinalamos no noso libro O españolismo lingüístico, este españolismo, con matices, penetra tanto na dereita como na esquerda española. Asúmeo, poñamos por caso, o ABC mais tamén, cos matices que se queira, El País-Galicia  ou La Voz de Galicia-Faro de Vigo ou o PP e PSOE galegos actuais. Os libros de texto de historia ou lingua que manexan os nosos escolares seguen a espallar, con diversos matices, o españolismo lingüístico, cultural e político de Menéndez Pidal. No caso da dereita pura e dura sen ningún disfrace. No caso do españolismo máis edulcurado tipo El País nas propostas de lingua común de toda España que se lle atribúe ao castelán, de lingua internacional que é o castelán, mentres que o galego queda illado como unha lingua minoritaria e nunca internacional, que non ten espallamento alén do Padornelo ou de Fisterra. Esta segue a ser hoxe a concepción dominante en Galicia e que explica, en parte, o esmorecemento, por exemplo, do galego.
Este españolismo lingüístico ao que alude de pasada Nogueira está representado na actualidade polos Dámaso Alonso ou Rafael Lapesa e os seus discípulos. Cómpre non esquecer que os membros fundadores do ILGa, e máis influentes nesta institución e na propia RAG ata hai pouco, como Constantino García ou R. Lorenzo Vázquez, son discípulos directos de R. Lapesa ou D. Alonso, figuras conspicuas deste españolismo. Isto explica o illamento do galego con relación ao portugués nos primeiros tempos do ILGa ou mesmo o desprezo pola lingua literaria, posto que o galego para a escola españolista pouco máis é ca un dialecto, que só sobrevive na fala e non na escrita nin na alta literatura. Iso aínda hoxe o estamos a pagar. Por outra banda, esta postura deixou illado o galego, quitoulle a categoría de lingua internacional ao apartalo drasticamente do portugués, polo que o castelán si é unha lingua internacional e o galego non existe máis aló de Fisterra ou do Padornelo.
A recuperación do galego e de Galicia como entidade diferenciada partirá do desbotamento de tópicos como os que rexeita neste libro Nogueira, mais cómpre dar un paso máis e relacionalos co noso presente e coa nosa actualidade. O galego e Galicia só pervivirán non polo seu pasado autónomo, senón porque se identifican a día de hoxe co progresismo, a conservación do propio fronte á globalización, o mantemento da diversidade e porque temos a inmensa sorte, fronte ao catalán ou o vasco, por exemplo, de sermos unha lingua internacional proxectados no portugués, como ben sinalou o tan citado este ano Paz-Andrade en Galicia como tarea e que, por desgraza, esqueceron a nosa lingüística e cultura oficiais, demasiado instrumentalizadas pola escola filoloxica españolista dos Menéndez Pidal, Lapesa, Dámaso Alonso ou agora pola historia esa do castelán como lingua común, internacional e ata propia de toda España como defenden os agora lingüistas oficiais, mais continuadores de Pidal-Lapesa-D. Alonso, como son Lodares, Salvador ou mesmo a académica Fernández-Ordóñez no seu discurso de recepción na RAG, onde volve á teima do castelán como lingua que representa todo o Estado español, mesmo as rexións con lingua de seu, como é o caso de Galicia.
O malo é que esa tese españolista é supermaioritaria nos partidos que acadan máis votos en Galicia, como son o PP e o PSOE ou os medios de comunicación desde ABC, La Voz de Galicia a El País, que pasa por progre. Tamén o é no eido do ensino e dos libros de texto que usan os nosos escolares. Por iso, cómpre ler este libro, completalo e sobre todo que as súas ideas teñan acollida na sociedade galega, nos medios e no que se lles ensina aos nosos escolares nos colexios e institutos e ata diría que universidades.

Deixa un comentario!