Menu Xerais

«Despois da medianoite», de Salma: a opresión contra as mulleres támiles na India

Galicia Hoxe publica unha información, asinada por V. Oliveira, sobre a visita de Salma a Galicia para presentar a súa novela Despois da medianoite. Reproducímola integramente:

O berro contra o patriarcado da escritora támil Salma

“Despois da medianoite” relata a opresión sufrida polas mulleres nunha comunidade india

A autora rebelouse a través da lectura e a escritura

“Na nosa aldea as mozas musulmás non poden saír da casa dende o día que lles vén a regra ata que casan”. Dío a escritora támil Salma na novela Despois da medianoite, traducido do támil por S. Thillainayagam e do inglés ao galego por María Reimóndez, que onte se presentou na libraría Couceiro de Compostela.

Nesta obra, a autora relata a opresión patriarcal sufrida polas mulleres nunha comunidade india. Salma só puido atopar o camiño para liberarse a través da lectura. “Os libros acolléronme. Fixeron dos seus mundos o meu fogar”, relata. Na súa obra sempre hai unha crítica perenne á sociedade patriarcal que constrinxe “a nosa sexualidade, as nosas crises e desexos”. De feito, tivo que padecer un forte rexeitamento na súa comunidade.

Ao cumprir 18 anos, a súa familia comezou a negociar o seu casamento. Esixíanlle que deixase de escribir, algo ao que ela se opuxo. Malia as súas folgas de fame, o matrimonio saíu adiante. Daquela comezaron as ameazas e o maltratamento para que deixase de escribir. Practicamente encarcerada, adoptou o pseudónimo de “Salma” para continuar a escribir na clandestinidade. No 2001, aproveitou certo aperturismo lexislativo para o empoderamento das mulleres e presentouse a unhas eleccións do seu distrito, o cal lle abriu as portas á sua liberación. “Tento amosar na miña obra como as mulleres se fan vulnerables á violencia cando ceden a súa vida e independencia ante as crenzas e restricións sociais dos demais”, asegura.

EN VIGO
Actividades até o sábado

A visita de Salma a Galicia continúa hoxe no IES Alexandre Bóveda e coa presentación da novela en Vigo ás 20:00 horas na Libraría Librouro. Na xornada de mañá, a escritora támil e María Reimóndez participarán nun obradoiro literario que se celebrará pola tarde no Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo. Finalmente, o sábado Salma encontrarase no Museo Liste de Vigo con poetas galegas e traballarán en textos conxuntos. Ademais, celebrarase unha mesa redonda que concluirá cun recital no que as convidadas compartirán a súa obra co público asistente.

Comentarios pechados