Menu Xerais

Primeiras novidades de 2016

Xerais preparou para o primeiro trimestre de 2016 unha ampla oferta de novidades literarias das coleccións Narrativa, Poesía, Crónica, LibroX, Fóra de Xogo, Merlín, Álbums.

Na colección Xerais Narrativa está prevista a publicación no mes de xaneiro das novelas O dobrón de a oito de Alberto Fortes e Liquidación de existencias de Ramón Caride; en febreiro de Cara ao leste de Antía Nara e Que non te aten de Manuel Iglesias Turnes; e en marzo da novela A rotura das paisaxes de Xesús Constela e o libro de relatos Tempo de bebidas isotónicas e fast-food de Álex Alonso, premio Ánxel Fole de Narrativa 2015.

En Xerais Poesía aparecerán en febreiro os dous primeiros poemarios: Masculino singular de Carlos Negro e Os fillos da fame de Ismael Ramos, Premio Johán Carballeira 2015.

Nas coleccións de ensaio publicarase en xaneiro, en Xerais Crónica A morte de Valle-Inclán. O último esperpento de Carlos G. Reigosa, Javier Valle-Inclán e José Monleón; mentres que en febreiro, en Xerais LibroX, aparecerán De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal. Breve historia da literatura galega de Mercedes Queixas e Manuel María buscando un país de Manuel Veiga.

Dentro da oferta infantil e xuvenil, no mes de febreiro aparecerán as dúas primeiras novelas da colección Fóra de Xogo Tártarus de Antonio Fraga e A Cacería de Amadelo López Cobas, Premio «Novela centenaria de Riveira» 2015. Secasí, no mes de marzo publicarase a primeira entrega da colección Merlín co conto Pauliño é un cabalo de Raúl Dans, ilustrado por Pedro Díaz, e coas novelas Quen da a quenda? de Héctor Cajaraville, ilustrada por Ignacio Hernández, e Esmeraldina, a pequena defunta de Ledicia Costas, ilustrada por Víctor Rivas. Por último, no que atinxe aos álbums ilustrados, no mes de xaneiro chegarán ás librarías Vaite xa! de Marcos Viso, O día que choveu do revés de María Canosa, ilustrado por Dani Padrón, e Para onde imos cando desaparecemos de Isabel Minhós, ilustrado por Madalena Matoso.

 

 

Comentarios pechados