Menu Xerais

Xerais con Manuel María

Chegaron ás librarías os dous volumes que Xerais preparou para o ano Manuel María: Manuel María buscando un país, o ensaio que Manuel Veiga preparou para a colección LibroX, e Manuel María. Vida, versos e rebeldía, o retrato biográfico e antoloxía de poesía infantil, incluído dentro da colección Merlín.

No seu ensaio, Manuel Veiga realiza unha interpretación sintética da vida e da obra de Manuel María, apoiada nas ilustracións de Víctor Tizón. Para o escritor monfortino, que compartiu co poeta chairego moitas horas na libraría Xistral, Manuel María tiña dúas almas, unha feita de orballo e outra de cantaría. A cada unha delas dedicoulles unha parte dos seus poemas. Viviu tempos malos e custou que fose recoñecido no seu propio país. Escribiu demasiados versos porque o silencio que quería romper era tamén excesivo. As súas mellores páxinas son as que dedicou á súa casa, á súa terra máis próxima e á súa muller, Saleta.

No volume da colección Merlín, orientado cara ao público infantil, ilustrado por Nuria Díaz, Manuel Veiga tamén se ocupa do apartado biografico, mentres que Xosé Lastra preparou unha completa cronoloxía e unha antoloxía da poesía infantil co título «Ferrados de corazón».

Este libro retrata de forma moi singular a Manuel María, como o home que aspiraba a coñecer a todos os galegos, un a un. Trátase dun relato engaiolante da súa vida cotiá, acompañado sempre da súa dona, Saleta Goi, mais tamén é un fermoso percorrido polas súas actividades como procurador, libreiro, editor, xornalista… Camiñante polos vieiros da terra e autor teatral, Manuel María (o primeiro mozo que publicou unha obra en galego despois da Guerra Civil) foi, sobre todo, poeta transparente e sincero, autor de medio cento de libros de versos, ceibe de calquera romanticismo.

Comentarios pechados