Menu Xerais

Xerais xa prepara o outono literario

Adiantamos algunhas das novidades que aparecerán nos meses de setembro e outubro:

En XERAIS NARRATIVA publicaranse Como en Alxeria, novela de Xosé Ramón Pena, As voces baixas, libro de relatos de Manuel Rivas, ademais de Tonas de laranxa, premio Xerais de novela 2012, de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lourenzo Baleirón.

En XERAIS CRÓNICA publicaranse Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, agardada biografía de Celso Emilio Ferreiro preparada por Ramón Nicolás e O rastro que deixamos, libro no que Agustín Fernández Paz reuníu textos de carácter memorialístico e literario.

En XERAIS FÓRA DE XOGO publicaranse O corazón de Xúpiter, segunda novela de Ledicia Costas; Eu,pel, primeira novela xuvenil de Teresa González Costa e A punta de pistola de Fran Alonso, recente premio de novela por entregas de “La Voz de Galicia”.

En XERAIS MERLÍN aparecerán Señor Meco de MarGuerra, ilustrado por Evaristo Pereira; O aroma de liquidámbar de An Alfaya, ilustrado por Marina Seoane; Malos tempos para os fantasmas de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Patricia Castelao, ademais de Palabras de auga, premio Merlín 2012, de Marcos Calveiro, ilustrado por Ramón Trigo. Será outra novidade na máis veterana colección infantil de Xerais o inicio da súa serie de cómic con Marcapola e a illa remeira de Jacobo Fernández Serrano.

Outras novidades para o público infantil e xuvenil serán A Estrela de Oriente. Unha historia dos Reis Magos de Pemón Bouzas, ilustrado por Marcos Calo, e a novela gráfica de Antonio Seijas, Cartas de inverno, baseada na novela homónima de Agustín Fernández.

No mes de outubro aparecerán os dous primeiros títulos da colección LibroX: Do G ao Z. Dicionario indignado e humorístico de Manuel Veiga e Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez de Carlos Callón.

Na colección de e-books publicaranse varios títulos nativos dixitais: Escrito en gallego. As recensións de Celso Emilio en ABC, edición preparada por Ana Acuña; e os ensaios Feminismos de María Reimóndez e Olga Castro, e  Todos somos Ulises de Xavier Seoane.  Ademais aparecerán neste formato dixital todas as novidades do ano da colección Narrativa.

Comentarios pechados