Menu Xerais

Dicir cousas verdadeiramente fermosas: «Días que non foron», de Luís Rei Núñez. A opinión dunha estudante

O blog As estelas dos ronseis, do IES de Silleda, reproduce a opinión da estudante Sonia Troitiño Loureiro sobre o libro de relatos Días que non foron de Luís Rei Núñez.

 

Días que non foron

Días que non foron resultoume un libro un tanto peculiar. Foi a primeira vez que vivín a experiencia de ler relatos en segunda persoa, e a dicir verdade, non me agradou demasiado. A lectura deste libro custoume bastante, sobre todo ao seu comezo, onde falaba das experiencias dun xornalista durante o tempo no que as costas galegas se tinguiron de negro por mor dun buque naufragado que recibe o nome de Prestige e no que ademais desta segunda persoa, incluíase a dificultade de comprensión en certos momentos debido ao uso tan singular da lingua. En determinadas ocasións, perdía o fío da historia pero debe admitir que certos momentos me resultaron realmente divertidos, nos que en ocasións, se servía de expresións tipicamente galegas. Dos sete relatos que comprende este libro, os que máis me gustaron, sen dúbida, foron: “Unha voda por poderes” na que fala dun donxuán que consegue enganar a unha muller e mesmo deixala embarazada, e “A lancha dos segredos sucios” no que se nos fala dun testamento un pouco estraño no que a persoa que recibe as propiedades é un tanto allea á situación.

De todos xeitos, aínda que non sexa a clase de libro polo que eu máis me decantaría nin conteña a linguaxe que eu me esperaba, si é certo que o seu autor, Luís Rei Nuñez, emprega a linguaxe dunha maneira excepcional para dicir cousas verdadeiramente fermosas. Outra cousa que realmente me sorprendeu foi saber cal era o contido do libro despois de ver o título, xa que non me esperaba en absoluto que resultase ser ese. Nin sequera tiña a máis mínima idea de cal podería ser. Ademais, na parte traseira do libro, tampouco explica con claridade cal será o argumento deste relato e iso fíxome estar aínda máis desconcertada. Non o podo considerar como un libro para o recordo pero si dicir que conforme avanzaba o relato facíase un chisquiño máis interesante. Para rematar, dicir que outra cousa que me encantou do libro foi a pequena frase que contén antes de comezar co relato de Joseba Sarrionandia que di: “As cousas que non son tamén son”.

 

Deixa un comentario!