Menu Xerais

Diego Ameixeiras: «Ao límite, todos somos potenciais delincuentes». Entrevista en Radiofusión sobre «Matarte lentamente»

Radiofusión emitiu unha entrevista con Diego Ameixeiras pola novela Matarte lentamente. A entrevista pode escoitarse ou descargarse neste enlace.

 

Diego Ameixeiras: «Ao límite, todos somos potenciais delincuentes»

Algúns lembrarán un dos momentos de máis tensión deste curso parlamentario, cando aínda se permitía o acceso ao hemiciclo de colectivos cidadáns con ganas de facer sentir o seu parecer. Logo de increpar aos membros do Goberno e antes de seren desaloxados, algúns afectados polas participacións preferentes, manifestaron iso que ninguén se atreve a dicir nun Parlamento: “Aquí vai haber sangue”. Eran as palabras propias de alguén que sente que talvez xa non ten nada a perder. Dalgún modo, ese aire desolado está nas páxinas de “Matarte lentamente”, a última novela de Diego Ameixeiras, editada por Xerais, un mosaico que se sucede páxina a páxina, mais que todo ao completo podería ter a apariencia dunha páxina dun xornal calquera. O escritor explicou en Radiofusión que esta é “unha historia de moita carraxe, de moita situación desesperada, que é un pouco o panorama que temos diante dos ollos con esta situación caótica no económico que estamos vivindo neste momento”.

Cultura • 17/12/2013 • Autor: Redacción

“Estamos como vivindo unha especie de post-apocalipse, semella como que xa pasou todo e estamos dedicándonos a sobrevivir como se pode”, reflexiona o autor ourensán. Para os protagonistas do último libro de Ameixeiras “parece que non hai moito espazo para a épica de grupo, para un tipo de resistencia máis ou menos organizada, e optan por tomar a xustiza pola súa man, ou deixarse guiar por ese instinto de supervivencia que temos todos e é o máis primario que levamos dentro”.

En “Matarte lentamente” conviven respectables traballadores de banca, familias estragadas pola doenza dun fillo, narcotraficantes ou xubilados cos aforros retidos en participacións preferentes. Todo acontece con Santiago de Compostela como pano de fondo e mestúrase, a propósito, a vida aparentemente común coa serie negra. “Quería estar aí nesa fronteira do negro e do criminal cunha especie de realismo sucio que como lector resúltame moi atraínte”, revela Diego Ameixeiras. “Ten moito que ver co que un vai lendo nos xornais todos os días”, concede.

E no medio do cotiá comeza a aboiar o sangue, porque segundo o escritor “cando nos poñen nunha situación límite todos somos potenciais delincuentes”. E a quen cómpre terlle máis medo? Pois de entre todo o ‘dramatis persoanae’ deste libro, tal vez aos menos sospeitosos: “Hai xente que baixo esa apariencia respectable levan anos facendo moito dano”.

“Matarte lentamente” lese veloz. Os feitos sucédense sen acougo. Ameixeiras detalla así o porqué desa predilección pola síntese: “Se un non se detén demasiado en detalles supérfluos vai ao cerne da cuestión e fai que os personaxes falen claro, directo. Se o fai con honestidade, sen ser un narrador demasiado intrusuo, fai que o lector teña esa necesidade de pasar á seguinte páxina”. Misterio resolto.

 

  • Escoitar ou descargar a entrevista con Diego Ameixeiras neste enlace.

 

 

Deixa un comentario!