Menu Xerais

Diego Ameixeiras, en Galicia Confidencial

Asasinato no Consello Nacional, a última novela de Diego Ameixeiras, que está a ter unha impresionante acollida por parte dos lectores, é o motivo da entrevista, asinada por Walter Burns, que aparece hoxe no Galicia Confidencial:

«O bipartito soportou unha presión mediática asfixiante e Galiza é profundamente dócil»

Galicia Confidencial entrevista ao escritor do momento. Os focos están sobre Asasinato no Consello Nacional, recreación da caída de Quintana e ascensión de Guillerme. Diego Ameixeiras (Laussane, 1976) non esquiva ningunha pregunta e debulla, entre outras cuestións, o manifesto a prol dos medios en galego e porqué Baltar lle inspira moito máis que Feijóo.

O sábado fomos a Libraría Couceiro a mercar ‘Asasinato no Consello Nacional’ e só quedaban dous exemplares. Que se sente ao ser un dos autores galegos máis populares con só cinco novelas publicadas?

Non teño a sensación de gozar desa popularidade que me atribúes, aínda que recoñezo que esta última novela está a ocupar máis espazo nos medios que as catro anteriores xuntas. O meu é o xénero negro, así que entendo que hai un lector afeccionado ao que os practicantes temos a obriga de satisfacer empregando todas as armas literarias ao noso alcance.

Na medida do posible, tento contribuír á causa dende 2004, cando publiquei a miña primeira novela. Actualmente non escribo en ningún medio de comunicación nin estou nas redes sociais de internet promocionando a miña obra. Sospeito que os colegas escritores que si están presentes nese escaparate gozan de máis popularidade, xa que tratan cos xornalistas e cos lectores con maior frecuencia e inmediatez.

Suso de Toro deixou este verán a dedicación exclusiva á literatura para volver a dar clases de secundaria. É imposíbel que un novelista en galego viva exclusivamente da súa obra?

Non é algo que me preocupe especialmente, pero se puidese facelo asinaría agora mesmo. Calquera que bote un ano enteiro roubándolle horas ao sono para redactar un manuscrito de trescentos folios, agradece todo tipo de recompensas. Entendo que os escritores temos imaxinación, pero tamén contas correntes.

Vostede ten comentado que a nova novela é unha homenaxe ao vividor Carvalho de Manuel Vázquez Montalbán. Con todo, o protagonista é vexetariano e mesmo intenta deixar de fumar. Necesitaba marcar algunha diferencia?

A novela é unha homenaxe a Asesinato en el Comité Central, unha das miñas preferidas da serie Carvalho. Si que é certo que Alberte Cudeiro, o detective da miña novela, exerce o vexetarianismo e deixou de fumar, pero non creo que sexan dúas decisións incompatibles co desexo de ser un vividor. Penso que construín un personaxe que é un orientalista convencido, deses que practican o método para facer xirar a luz que se describe n’O segredo da flor de ouro, un clásico taoísta coñecido en Europa polos comentarios de Jung. En todo caso, admiro moito a Montalbán porque no seu momento provocou que moitos críticos pedantes empezasen a informarse sobre novela negra.

Os medios do país están adicarlle a súa obra unha atención inusitada para unha novela galega. Cales pensa vostede que son as razóns?

Quero pensar que suscita curiosidade pola temática escollida, e porque non é moi habitual tratar temas tan achegados no tempo. Imaxino que en certos ambientes faranse todo tipo de lecturas sobre o texto, pero dende o primeiro momento só pensei en presentar unha intriga política solvente. A novela, en todo caso, é moito máis que a investigación dun crime acontecido no BNG. Tamén presento unha trama relacionada coa guerra civil que decidín relacionar co asasinato de Mario Dacosta. Asumo que para os lectores máis perversos poida resultar menos chamativa que a recreación das leas internas do BNG, pero teño a esperanza de que tamén lles pareza de interese.

É evidente que hai certo morbo por ler unha recreación literaria da lea interna no Bloque? Os lectores que acudan á novela buscando satisfacer este morbo sentirase satisfeitos unha vez acabada a trama?

Oxalá teñan a sensación de que lles contaron unha historia do seu agrado. Ese foi o meu obxectivo. Son consciente de que algunhas pasaxes da novela poden espertar certo morbo entre a xente próxima ao nacionalismo parlamentario ou entre os informadores políticos, pero penso que no texto non hai nada que non se soubese antes polos medios de comunicación. Só ficcionei unha historia real –os meses que van dende a dimisión de Quintana ata a elección de Guillerme Vázquez– e tomándome multitude de licencias, por suposto. Entre elas, xogar con certa mitoloxía que lle imputa determinadas actitudes a algúns dirixentes do BNG. Evidentemente, hai personaxes que elaborei a partir da imaxe que ofrecen os medios dalgunhas persoas reais, pero tamén é certo que creei varios arquetipos totalmente ficticios.

Por que escolleu o BNG como fondo para a súa trama?

Entendo que a saída do BNG da Xunta foi traumática para a organización. Dende o momento en que se coñeceron os resultados electorais empezaron a facerse públicas moitas desavinzas entre os distintos partidos e correntes que o compoñen, e ese escenario pareceume moi novelesco para armar unha intriga política con potencialidades.

Non lle inspiraba máis o PPdeG? Por exemplo, é un feito publicado un sicario colombiano foi contratado para librarse de José Cuíña …

Así é. Bieito Iglesias utilizou ese feito como anécdota central da estupenda Pan e Coitelo, o que demostra que non é tan estraño que na literatura galega se escriban novelas caricaturizando a realidade sociopolítica máis próxima. Estou seguro de que no actual PPdG hai leas internas como para idear varios argumentos, pero polo momento centreime nas interioridades do BNG.

Que lle inspira, literariamente, Feijóo?

Sinceramente, non motiva demasiado a miña imaxinación. Penso que entre os persoeiros da dereita galega, Baltar é quen máis podería inspirarme, e con moita diferenza sobre o resto. Estamos falando dun home que presume nas entrevistas de carrexar votos, que chama maricón a un conselleiro do bipartito e que compara a situación dos militantes populares de Allariz coa que viven os seus compañeiros en Euskadi. Non todos os días se atopa xente que che regala tanto material para construír un personaxe. Sospeito que aínda ten moito que ofrecernos.

Na trama poden recoñecerse a personaxes inspiradas en Quintana e Touriño. Como cidadán, que valoración fai do bipartito?

Creo que subestimaron a base electoral do PPdG, e que cometeron o erro de pensar que o bipartito se renovaría matematicamente. Tamén é certo que soportaron unha presión mediática asfixiante e que Galiza segue sendo unha sociedade profundamente dócil e conservadora, con independencia de que as porcentaxes poidan traernos outro bipartito nas vindeiras eleccións.

Vostede é xornalista e sempre publicou en galego. Nos últimos meses desapareceron a maioría dos medios no idioma do país (Vieiros, Gznación, ANT en papel, etc.) ? Coñece o manifesto “Os medios en galego importan? Asinouno? Porque?

Tendo en conta a situación actual do idioma, a desaparición dun medio de comunicación en galego sempre é unha mala noticia. Para a lingua, que terá dificultades para chegar a fin de século, e para os traballadores desas empresas, que terán dificultades para chegar a fin de mes. Por suposto que os medios en galego importan, pero haberá que preguntarse a que se debe este andazo, e repartir as culpas con máis autocrítica que derrotismo.

A vida nocturna xoga un papel relevante na vida dos seus protagonistas, nas dúas primeiras novelas en Ourense, onde se criou, e agora en Santiago, onde vive e traballa. Que diferencias de ambiente atopa entre as dúas cidades?

Creo que todos os que vivimos en Santiago e nos enfrontamos a un ano Xacobeo en pleno verán, temos a sensación de estar aloxados no interior dun parque temático. Atravesando o Obradoiro, un pode atoparse un sarxento do exército español en uniforme de campaña conversando cunha monxa das clarisas descalzas, mentres a poucos metros un grupo de peregrinos dirimen cuestións apostólicas fumando marihuana. Non ocorre o mesmo en Ourense, onde pasar un mes de agosto a 40º ten moito de experiencia purgativa e solitaria, xa que os veciños deciden marchar ás aldeas próximas ou pasar as vacacións preto do mar.

E en cal das dúas se sente máis cómodo?

Tres das miñas cinco novelas están ambientadas en Ourense. É a cidade onde medrei e nas súas rúas gardo os recordos vencellados á infancia. Emocionalmente non é pouco. Pero esta última novela, polo contrario, localiceina en Santiago. Non só por motivos operativos relacionados co escenario da historia, senón porque se cadra vinme capacitado para ofrecer unha certa imaxe da cidade que teño na cabeza.

Horacio Dopico, o detective protagonista das súas dúas primeiras novelas sobre Ourense, quitouse definitivamente do Rock Club?

Segue no fío da navalla. Agora mesmo está traballando para a SGAE.

Comentarios pechados