Menu Xerais

Diego Ameixeiras, entrevista en Galicia Hoxe

Esta fin de semana, o suplemento Lecer do Galicia hoxe publicou unha longa entrevista con Diego Ameixeiras que lle fixo a xornalista Rosabel Candal a raíz da aparición na librarías de Asasinato no Consello Nacional, un dos libros que máis expectativa crearon nesta nova tempada literaria. Reproducimos a entrevista con Ameixeiras:

«Na novela non hai nada que os militantes do BNG non digan sen micros diante»

Asasinato no Consello Nacional, un dos libros que crearon máis expectativa nas últimos tempos, chegou esta semana ás librerías de toda Galicia. O seu autor, o xornalista Diego Ameixeiras, retoma o xénero da novela negra e introdúcese, sen reparos, nas liortas internas do nacionalismo galego. Máis aló da gran dose de morbo que carrexa unha obra así, na que a realidade e a ficción van constantemente da man, Ameixeiras ofrécelle ó lector unha nova publicación entretida, que engancha e que sobre todo se debe mirar en clave de ‘humor’. Cun Óscar Quiroga –Anxo Quintana–, que acaba de presentar a súa dimisión no Consello Nacional; un Fernando Xelmírez –Francisco Rodríguez–, ‘xefe’ da UPG e do asasinado Mario Dacosta; e un Balseiro –Xosé Manuel Beiras– e Amoedo –Carlos Aymerich– negociando o proceso previo á asemblea nacional extraordinaria do Bloque do 2009 onde saíu elixido portavoz nacional Seara –Guillerme Vázquez–, o éxito deste libro, editado por Xerais, ten o éxito asegurado, en altas cotas, entre as bases da formación frontista, sempre abertas ó debate. Diego Ameixeiras evita centrar todo o tema no Bloque. Un crime relacionado coa guerra civil, sexo e un detective Alberte Cudeiro, profesional e sedutor, disposto a arriscar incluso a propia vida para descubrir quen está detrás da morte do camarada redondean unha obra que discorre na súa maior parte en Compostela, para máis detalle, nos lugares de traballo e ocio que normalmente frecuentan os nacionalistas na vida real tamén, e que non deixará indiferente a ninguén. Prepárense para ler. Miren ó seu redor. E deixen voar tamén a imaxinación.

—Un asasinato case é o único que lle falta ó BNG para ser unha forza política cunha vida interna propia dunha novela…

—Os interiores das organizacións políticas acollen miserias que, en ocasións, saen á luz nos medios de comunicación, e que son as propias da condición humana. Vaidade, ansia de poder e ambicións subterráneas, entre moitas outras. Nada que non se poida atopar na psicoloxía das clases dirixentes. Nese sentido sospeito que o BNG non se diferencia demasiado doutras forzas políticas, dende o momento en que cada catro anos se ofrece voluntario para conducir os destinos da cidadanía. Teño constancia de que os seu interiores sofren a axitación propia de quen pelexa por conseguir poder. Se nunha convocatoria electoral os resultados son adversos, como lle aconteceu ao BNG no 2009, entra dentro da lóxica que as tensións se multipliquen ata xerar situacións que a min, obviamente, me resultaron moi novelescas.

—O anuncio, hai unha temporada, de que axiña se publicaría este novo libro teu causou unha grande expectación e morbo, sobre todo no mundo do nacionalismo. Que che parece? Isto é bo? O libro vai dirixido a un tipo de lector específico relacionado co eido político ou non?

—A novela coloca sobre a mesa unha intriga política dende a primeira páxina. Entendo que poida suscitar o interese da xente que se sitúa na órbita do nacionalismo parlamentario, pero cando empecei a escribila pensei principalmente no lector afeccionado ao xénero negrocriminal, que é o que a min me interesa. Celebro a expectación e o morbo que poida xerar, xa que iso pode demostrar que acertei á hora de escoller a temática. Son consciente de que non é moi habitual tratar literariamente conflitos tan achegados no tempo.

En todo caso, a miña esperanza é que o afeccionado ao xénero se vexa arrastrado pola intriga á que se lle convida, e que necesite asistir á súa resolución na derradeira páxina.

—Por que unha obra como esta agora? É unha certa homenaxe…

—A Vázquez Montalbán, por suposto. É obvio que o título fai referencia a ‘Asesinato en el Comité Central’, unha das miñas novelas preferidas da serie Carvalho. Había tempo que tiña na cabeza escribir unha historia semellante e introducirme nas intrigas do BNG. Se decidín escribila neste momento foi porque pensei que estaba capacitado para facelo, e porque o 2009 foi un ano especialmente convulso para a organización.

—Como e cando comezaches a xestala?

—Uns días máis tarde da asemblea extraordinaria do 10 de maio de 2009, cando reunín o material que me pareceu conveniente para atacar as primeiras páxinas do texto. Os compañeiros xornalistas que seguiron todo o proceso, dende a dimisión de Quintana ata a elección de Guillerme Vázquez como novo portavoz nacional, motiváronme decisivamente co seu excepcional traballo. Eles contaron a historia nas páxinas dos xornais moito antes ca esta novela. Posteriormente, eu organicei o material en forma de trama, engadíndolle as compoñentes de ficción que considerei idóneas para armar unha intriga que oxalá poida parecerlles solvente aos lectores do xénero, que son moi esixentes.

—No libro inclúes todo tipo de detalles sobre algúns dirixentes do BNG e das diferentes correntes internas que o integran. Hai casos nos que as descricións dos personaxes se corresponden realmente cunha persoa real e só cambia o nome desta. Canto hai de real e canto de ficción?

—A novela, por suposto, é un exercicio de ficción. Iso non exclúe que, aínda que dende o principio manexe os personaxes ao meu gusto, introduza algunha caracterización próxima á realidade. Pensei que recrear certa mitoloxía moi instaurada nos ambientes nacionalistas, en especial a relacionada con algúns personaxes que manexan os fíos da organización, podería axudarme a establecer unha liña de complicidade co lector máis informado en materia política. Creo que na novela non hai nada que os propios militantes do BNG non digan sobre si mesmos cando non hai micros diante. Se algo non falta no Bloque é unha autocrítica feroz que ten moito que ver con ese cainismo proverbial que se lle imputa á militancia. Literiamente resultoume moi agradecida.

—Dacosta é un dos personaxes que quizais non teñan un equivalente exacto na vida real. Por que? É ese candidato militante da UPG que nunca existiu?

—Decidín meterlle tres disparos cunha Tokarev TT-33 a un arquetipo do BNG sen relación ningunha cun personaxe real, aínda que sospeito que algún lector perverso poida darlle voltas á cabeza para equiparalo con algún dirixente en activo. Montalbán asasinou politicamente a Fernando Garrido en 1981, e todo o mundo soubo que se refería ao Santiago Carrillo que levou o PCE ao fracaso electoral nas eleccións xerais españolas de 1982. Eu non chego a tanto. Confeso a miña falta de atrevemento para asasinar literariamente a alguén da UPG que poida ser identificado cunha persoa real.

—Como cres que reaccionarán no BNG ó ler o libro? Xa che chegou algunha impresión? Pode haber detalles que non senten demasiado ben ou non? Agardas a chamada dos Xelmírez, Amoedo ou Balseiro reais?

—Mentiría se dixera que non me preocupa a recepción da novela, como penso que lle acontece a calquera escritor cando coloca un libro nas librerías. Pero, sinceramente, creo que os dirixentes do BNG deben estar máis preocupados na vindeira asemblea nacional da organización, e en como enfrontarse con garantías de éxito ás eleccións municipais de 2011, obxectivo que comparten co resto de forzas políticas galegas. Por outra banda, non creo que haxa algo na novela que poida resultar dramático para unha organización que fixo públicas as súas discrepancias internas moito antes de que eu me atrevese a ficcionalas.

—Os datos e procesos internos previos á asemblea nacional extraordinaria do 2009 coinciden. O labor de documentación que hai detrás deste libro é moi grande. Como foi este proceso e que papel xogaron os medios de comunicación en todo el? Que relación tes co mundo do Bloque?

—Nese sentido quixen ser o máis fiel posible á realidade, pero tratándose dun proceso interno penso que as interpretacións do acontecido nesa asemblea son múltiples. Non é doado entender as relacións que se establecen entre os distintos partidos e correntes que conforman o BNG, e moito me temo que nin algúns politólogos avezados son quen de interpretar algúns movementos que se producen no interior das organizacións políticas, xa que en moitos casos se producen a partir de debilidades humanas que moi pouco teñen que ver cos obxectivos que se din defender nos programas electorais. Os xornalistas reflectiron o proceso día a día, e eu aproveitei ese traballo para planificar a armazón da novela. A miña documentación centrouse en todo o que se foi facendo público nos medios, así que entendo que é unha visión parcial.

—Ao final, todo está relacionado con outro asasinato anterior que se produciu na guerra civil. Por que buscaches esta conexión e este exercicio de memoria histórica? Segue habendo un gran rancor ó redor desta época…

—Recoñezo que foi moi emocionante esa viaxe ata a guerra civil. Ségueme arrepiando pensar que pisamos cadáveres de xente á que espero algún día se lle faga xustiza. É un tema delicado que segue quentando moito os ánimos, o que demostra que as feridas non están pechadas. Na novela aparece un personaxe que arrastra un pasado relacionado coa contenda, e intentei que a relación que establece con Alberte Cudeiro resultara o máis atractiva posible para o lector, ofrecéndolle claves que oxalá vaian máis alá do maniqueísmo.

—O PSOE ou o PP non darían tanto xogo para unha novela así?

—Penso que estariamos falando de historias moi diferentes, aínda que liortas internas hai abondo para recrear en todas as casas. De momento, centrei os meus esforzos no BNG. Deixemos que o tempo nos poida permitir ler moitas novelas e de autores moi diversos. Se algunha inclúe crimes nos outros dous partidos con representación parlamentaria, e mesmo nos extraparlamentarios, estou seguro de que me
interesarán.

—A Xelmírez gustaríalle  saber que vai pasar na asemblea nacional ordinaria do próximo ano. A min tamén. Ti que vaticinas? Ese é un capítulo que daría para outro libro. Cudeiro podería resolver un novo caso. Anímaste?

—Por motivos de traballo, dende que rematei a redacción da novela no mes de maio deste ano, abandonei parcialmente o meu seguimento das dinámicas internas do BNG. Agora mesmo non estou moi ao tanto de como está a temperatura da organización, así que deixo os vaticinios para os especialistas a tempo completo. De momento, Cudeiro collerá un descanso. A vindeira novela ten outro protagonista, pero aínda estou ás voltas coa súa psicoloxía. O que sei é que non será nin detective nin policía. Tampouco pretenderá liberar nacións sen estado.

—Por que che atrae tanto o xénero negro e os detectives?

—Entusiásmanme os solitarios que se enfrontan á resolución de enigmas, e a figura literaria do detective ou do policía encaixa nese paradigma de personaxe. De Poe a Mankell tento atopar os meus referentes. Particularmente, sinto unha debilidade especial polos perdedores de Filadelfia que tan ben describe David Goodis nas súas novelas, especialmente en Fire in the flesh, Black Friday ou Nightfall, textos hoxe inencontrables no estado español máis alá das librerías de segunda man. Estou seguro de que Fuller ou Truffaut estarían indignados.

—Que lle recomendarías a quen empece a ler este libro? Como se debe de tomar?

—Nada en especial. Só amosarlles todo o meu agradecemento aos lectores de novela negra pola súa fidelidade, e polo cariño que nos demostran aos autores do xénero cando lles regalamos as aventuras dos nosos investigadores. Estamos moi orgullosos e sentímonos en débeda permanente cando nos aceptan nos seus andeis ao carón de Hammett, Chandler ou Jim Thompson.

Comentarios pechados