Menu Xerais

«Diego Ameixeiras, unha mirada diferente na novela galega»

O pasado domingo, 10 de xaneiro, José Miguel A. Giráldez publica no suplemento dominicial de El Correo Gallego unha entrevista longa con Diego Ameixeiras, con motivo da publicación de Dime algo sucio. Baixo o título, «Os autores do xénero negro estamos a feito a que se nos mire como de segunda división», e o subtítulo, «Diego Ameixeiras, unha mirada diferente na novela galega», Giráldez comeza realizando un retrato literario do autor de Tres segundos de memoria:

Pode dicirse que a traxectoria literaria de Diego Ameixeiras é fulgurante, pero non estou seguro de que el pense o mesmo. Semella un tipo tranquilo, sen alardes. Escéptico, en xeral. Digo que semella: non digo que sexa. Parece literalmente seducido polo cine, pola vértixe das historias, será porque ten unha parte de guionista, ou ben porque o guionista ten unha parte de novelista, ou viceversa. En fin. Ás veces di, escribe, frases lapidarias, pero non parece proclive a escribilas nunha lápida. Hai, iso si, crimes e criminais na súa prosa, xente susceptible de lápidas, prosa clásica o pulp, que importa. O pulp da doce e amarga froita literaria: cómpre exprimila sempre. E bebela, como sangue. Aínda que pulp signifique outra cousa: esa follas de papel de palla que sempre teñen as novelas de kiosko. Pero seguramente iso tampouco importa. Iso importa poco: como di el mesmo, cando lle pregunto sobre a súa adolescencia. Rilke pensaba que a nosa verdadeira patria é a infancia. Talvez a adolescencia non sexa patria, senón oscuro, movedizo, árido territorio. Un día de 2006 gañou o Xerais. E agora, acaba de publicar Dime algo sucio, que é un título potente. Non só o título: tamén o que vén embaixo. A novela. Diego pode sentirse afortunado: hai quen pensa que pode ser un máis da nosa prosa e hai quen pensa que o seu é diferente, que vai renovar a escrita. Pode que nin unha cousa nin a outra. Diego Ameixeiras prefire simplemente escribir, a ver que pasa. Escribir: sen perdón.

Xa metidos de cheo na conversa, recollemos algunhas respostas de Ameixeiras:

Dime algo sucio ten algúns trazos relacionados co relato negrocriminal, pero penso que a diversidade de tramas a converte, efectivamente, noutra cousa.  Temos un crime, pero a novela non xira exclusivamente ao redor dese suceso. Está inserido entre varias tramas que van dende as feridas que deixa unha relación sentimental enfermiza ata a marxinalidade da inmigración.

Baixo mínimos e O cidadán do mes non son máis que iso. Novelas pulp nas que todo é unha esaxeración. Moitos lugares comúns do hard boiled trasladados a Ourense baixo a forma de parodia, empezando por un detective toxicómano que emprega uns métodos de investigación lamentables.

Comentarios pechados