Menu Xerais

Digno de gabar: «Mariñeiros José Suárez. Calendario 2015». Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre o Calendario Xerais 2015 dedicado ao fotógrafo José Suárez.

 

 

Calendario 2015

Edición de Celia Torres

Nestes días en que remata o ano chega ás nosas mans o Calendario 2015 de Xerais. O calendario elixe para cada mes do ano unha foto de tema mariñeiro de José Suárez, un clásico da fotografía galega. Se o ano pasado, coas fotos de Ruth Matilda Anderson, era o agro o que predominaba, o próximo 2015 vai dedicado ao mar, o que nos parece moi acertado, pois a Galicia mariñeira adoita estar un chisco esquecida na nosa literatura, aínda que este ano 2014 houbo importantes obras literarias que están a paliar este esquecemento. Pénsese por exemplo no éxito recente de Xurxo Souto, Contos do mar de Irlanda.

O calendario ábrese con dous textos: un de Xosé Luís Suárez Canal e outro de Domingo García-Sabell. Ambos os dous sitúan a figura e o labor do fotógrafo José Suárez. Xa entrando no calendario, cada mes vai ilustrado por unha foto de Suárez, de tema mariñeiro, máis un breve texto literario de diferentes autores. En canto ao calendario en si aparecen os días coas lúas e os seus cambios ou a entrada das estación. E sen santoral. Xa que logo, estamos perante o que poderiamos chamar un calendario laico. Aparecen iso si o que poderiamos chamar festas civís, como Aninovo, Día do Traballo, Día das Letras Galegas, Día da Patria Galega, Magosto, Día da Constitución. A única festividade católica que aparece é Nadal. Paréceme moi ben este ton laico do calendario, que non se pode considerar sectario, pois esta presenza do Nadal recoñécelle ao cristianismo a importancia que tivo na creación e espallamento de determinados valores que sobresaen nas festas do Nadal.

En canto aos textos literarios que acompañan á fotografía correspondente a cada mes, cómpre sinalar que a maior parte dos autores/autoras destes textos literarios son escritores pertencentes ao que nós denominamos Xeración dos noventa/Fin de Século e Xeración do Novo Século: Ledicia Costas, Rosa Aneiros, Marcos Calveiro, Berta Dávila, Xurxo Souto, Pedro Feijoo, María Reimóndez, Fran Alonso. E os máis numerosos son os da Xeración do Novo Século. Coido que isto é un acerto do calendario. Non sei se a editora o fixo á mantenta ou é só unha coincidencia.

O certo é que, nestes tempos tan difíciles para o galego, como acaba de demostrar a enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre o uso da lingua de noso, está a darse un gran desenvolvemento literario, coa incorporación neste novo século/milenio dunha nova xeración de literatos e literatas que son os que nós denominamos Xeración do Novo Século e M. Bragado Xeración da Esperanza. Neste momento en Galicia están a publicar membros da chamada xeración dos cincuenta-sesenta-nova narrativa e tamén os da Transición-Oitenta, os da Fin de Século e mais os do Novo Século. Nestes tempos apostar polos máis novos como fai o calendario é todo un acerto.

Como estamos a falar dun calendario e tamén de literatura non deixa de ser un milagre en certo xeito tanto esta vitalidade da literatura, como que saian á rúa produtos coma este calendario ou a axenda que comentabamos hai uns días aquí. Pensemos que, segundo os datos do IGE feitos públicos a pasada semana, o 80% dos galegos ven a televisión en castelán e escoitan a radio tamén en castelán un 84%. Máis dura aínda é a porcentaxe de lectura en galego. Só un 4,8% recoñecen ler en galego; en castelán, faino o 58% e máis en castelán ca en galego o 37%. Nas redes sociais menos de 3 de cada 100 internautas navegan só en galego ou máis en galego ca en castelán.

Por iso, nesta situación, proporcionar elementos coma este calendario en galego é unha empresa digna de gabar e case, como nos tempos do franquismo, é un deber para os galegos mercar, regalar e usar estes produtos. Máxime cando son dunha innegable calidade e a relación prezo-calidade é moi favorable ao segundo destes conceptos.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!