Menu Xerais

Directo e cru: «Penúltimas tendencias», de Carlos Negro. Anotación de Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e aloumiños unha anotación sobre Penúltimas tendencias, de Carlos Negro.

 

“PENÚLTIMAS TENDENCIAS”, ÚLTIMO POEMARIO de CARLOS NEGRO: UNHA RAPAZA NA BUSCA DA VOZ DE SEU

Non teño dúbidas de que Carlos Negroé un dos poetas máis interesantes e inquedos do noso panorama poético.

Carlos non se resigna endexamais a facer obras previsibles. Sempre está a buscarlle as voltas á realidade que o rodea e, a partir de aí, crea e pon á vista dos lectores e lectoras o seu discurso normalmente poético. É un discurso arriscado na forma e comprometido no fondo. Consciente do carácter poliédrico desta realidade, Carlos Negro afía o gume da navalla e fai cortes naqueles temas que o desgustan: a situación da muller, a violencia de calquera clase, a inxustiza social, os modelos dunha sociedade enferma, a publicidade enganosa e todo aquilo que soa a manipulación do ser humano.
Xa vimos como Makinaria, un poemario orixinal e necesario, deixou a súa pegada nos mozos e mozas, incluíndo a todos aqueles que vivimos preto deles. Xa gozamos os seus lectores con Abelcebú, ese tratado científico de escarnio e maldicir, con ese humor negro (non hai xogo co apelido do poeta) que desvelaba as trampas e vergoñas que nos presenta este mundo.
Agora sae do prelo, editado por Edicións Xerais, na colección Fóra de Xogo, Penúltimas tendencias, un poemario que volve rachar esquemas poéticos, directo e cru, e que reivindica, dende a palabra literaria, os dereitos da muller tan pisados no día a día. Nel, a xeito de diario ou cuestionario, unha adolescente négase a ser unha moza obxecto, alguén tiranizado polas modas e tics da superficialidade e dos modelos baleiros que presenta esta sociedade, cada volta máis gris.
                 Unha rapaza que quere ser ela mesma, alguén auténtico, que pensa, que loita contra a manipulación social do fashion, cool, chic e sexy, que desexa acadar esa voz que non tivo. Non lle gusta este universo que fere sen compasión, pois ela quere ser, por riba de todo, persoa. Si, persoa rebelde, que pon os demais no seu sitio. Persoa que pensa e decide os camiños por onde transitar. Persoa que pon a súa dignidade por riba de todo.E isto, preséntanolo o autor, a través de poemas convertidos en autocuestionarios (Cal é a túa pose favorita? / A posición dunha percha no armario (…) Es feliz? / Nin che me pasa pola cabeza ser un parrulo no estanque), en declaracións rexas ( Fai favor, vai liscando. / Provócasme inapetencia. / Vas a saco pola vida, / con ese xeito de andar / que arrasa con todo, / hormonas, piercing / e camiseta axustada (…), en pistas para que entre alguén na súa vida: Como me mola que entres. Como se non existisen os puños. / Como se mirases con ollos cegos. / Como se non agardases resposta. / Como se non importasen as linguas. / Como se apenas fose necesario) e, mesmo, expresando a que sabe o amor: A porta sen casa. / A vento do norte. / A cabo do mundo. / A luz de tormenta (…) Son algúns exemplos da riqueza expositiva deste poemario.
                     E chámame moito a atención, como curiosidade, o poema Barbie girl, un ataque frontal ao universo rosa da muller, a partir da estrutura do famoso poema de Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra. Comeza así: O noso universo é rosa / Rosas son os muros / da prisión das princesas. / Rosa o amor / e o estampado dos vestidos. / As fadas, / as bonecas, / a luz, / a laca de unllas, / as máscaras, / son todas rosas (…).
                   En fin, unha mostra máis dos camiños que se poden elixir para achegar a poesía aos mozos e mozas, para facer que sintan a chama da poesía como algo próximo a eles. Camiños intelixentes, directos, que Carlos Negro leva percorrendo con soltura e acerto polas paraxes da nosa poesía.
Un libro, xa que logo, para que os versos estean presente na vida, demasiado superficial e mentireira, da nosa mocidade e de nós mesmos.

Antonio García Teijeiro

Deixa un comentario!