Menu Xerais

«Divertida, exelente e irreverente»: «De remate», de Héctor Cajaraville, presentada por Xerardo Agrafoxo

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación da novela De remate, de Héctor Cajaraville, Premio Xerais 2015.

 

«De remate» na Romaría das Letras do Barbanza

No serán do 17 de maio acompañei a Héctor Cajaraville na presentación da súa novela De rematen a VI Romaría das Letras do Barbanza que organiza a AsociaciónCultural Barbantia no Pazo de Goiáns en Boiro. Xa teño gabado esta romería das letras que transforma o 17 nunha auténtica festa popular e cívica, onde varios centos de persoas reivindican a nosa lingua, a nosa música, o noso teatro e o noso patrimonio nos magníficos xardíns do Pazo de Goiáns do que se reclama cada ano a súa recuperación como espazo público.

Foi o escrior Xerardo Agrafoxo quen mantivo unha interesantísima conversa con Héctor Cajaraville sobre De remate, unha novela que definiu de “divertida, exelente e irreverente”. O primeiro tema que abordaron foi o carácter ou non de novela desta obra. Cajaraville confesou que “tiña medo que non fose considerada como novela, mesmo a pesar do concepto elástico deste xénero, que cada vez se estira máis no xogo de hibridacións dos xéneros narrativos”: Cajaraville contou que comezara por escribir os vinte e tres artigos e que foi despois cando pensou que “podía completalos contando a historia de quen os escribira a partir das anotacións do seu diario”. “Con todo, faltábame unha peza, quería que se contase dende a distancia, o que lle proporcionaría cohesión. Así xurdiu a idea de que un director do seu periódico publicase vinte e cinco anos despois aqueles artigos xunto coas notas do diario. Así apareceu a novela”,

Agrafoxo e Cajaraville falaron da importancia da lingua en De remate, para o autor “unha protagonista máis da novela”. Confesou Héctor que “tiña medo a que as referencias lingüísticas interesasen só a unhas poucas persoas vinculadas coa filoloxía”. “Foi unha sorpresa para min cando todo o mundo destaca precisamente estes textos”. No que atinxe ao carácter irreverente da novela, destacado por Agrafoxo, o autor confesou que cando a escribira non pensaba que ía ser publicada, “Esa liberdade permitiume escribir algunhas cousas que se me pasaban pola cabeza”. “Escribín unha novela que ten no humor o elemento central, aínda que non o fixen só para botar unhas risas. Quixen aproveitar toda a información achegada para facer un retrato de Galicia cun ton de autocrítica”. “A pesar de que non quería que os artigos formasen un todo, parece que, polo que recibo dos lectores e lectoras, deseñan un panorama do que é Galicia neste momento”.

Comentarios pechados