Menu Xerais

Divertido, amable e conciliador. A música do Pindo: «O raposo e a mestra», de Manuel Rivas. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou no seu blog unha recesión crítica sobre O raposo e a mestra, o conto infantil de Manuel Rivas ilustrado por Jacobo Fernández Serrano.

 

A música do Pindo

O raposo Pindo évos un golpe soñador e hipnótico que a ren lle teme. Non hai galiña que se lle resista e o can máis fero non é rival para el. As súas (ren)artes con todo poden e na ampla contorna da Fin da Terra é sonada a súa habelencia.

Un día chega á vila unha nova mestra e todo cambia. A música, lémbrese Hamelin, amansa as feras e o Pindo vai sentir nas propias carnes como se fai boa a sentenza do cazador cazado.

As maxinacións desbordantes que convoca O raposo e a mestra, pois tal é o nome desta feliz historia, son obra do cavilador maior O’Rivas, almirante dos mundos imposibles da fantasía animalaria e, tamén si, docente, pois cómpre saber da ciencia arcana dos misterios arredados e da lingua oculta dos animais para interpretar con ben a partitura da ilusión esperanzada e o amor amigable que decantan estas páxinas.

Jacobo Fernández Serrano debuxou as landas da palabra rivasiana e foi engadindo cor ao fraseo cantareiro dun relato onde o imposible é cotián e as construtivas mensaxes subliminais tradean un progredir fílmico, diálogos rexoubeiros e ocorrentes descricións.

Un libro divertido, amable e conciliador, que nos lembra o poder do amor e a amizade na luz dos ollos, a querenza aos seres e á terra nosa, a irmandade das linguas e o irrenunciable do dereito a soñar unha fraternidade universal.

Armando Requeixo

Deixa un comentario!