Menu Xerais

Material imprescindible: «Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico», de Valentina Formoso. Crítica de Montse Pena Presas

Montse Pena Presas publicou nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica do libro Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico, de Valentina Formoso.

 

Mover conciencias

Finísima análise

Para todas e todos os que estamos implicados coa promoción e defensa da lingua e da cultura galega, principalmente as e os ensinantes, o ensaio Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico da experimentada investigadora Valentina Formoso Gosende, convértese nun material imprescindible por diversos motivos. Primeiramente, porque nos fai reflexionar sobre un feito relevante: a grande maioría das políticas lingüísticas ata o de agora centráronse nos mozos e mozas castelánfalantes. Mais, que ocorre coa mocidade galegofalante habitual? Que percepcións

teñen de cuestións como os ámbitos de uso da lingua galega, a situación actual da mesma ou o estándar, entre outras? Empregando a metodoloxía dos grupos de discusión, as conclusións ás que chega na primeira parte do volume a autora poñen de manifesto como, a pesar dos diferentes esforzos realizados, moitos prexuízos relacionados co galego seguen fortemente latentes entre os máis novos. Este feito resulta especialmente relevante cando quen os manifesta son falantes inciais do idioma que en moitos casos xa pasaron pola escolarización secundaria, se ben é verdade que é precisamente esa formación a que lles permite recoñecer determinadas actitudes sociais como prexuízos.

Na segunda parte do volume, se cabe inda máis interesante,a investigadora desenvolve unha serie de propostas para tentar xerar un renovado marco normalizador, arredor de tres eixos cruciais na valoración da lingua: o galego no maremágnum plurilingüe, a ligazón do idioma ao mundo rural e a unha clase social baixa e o vencello do mesmo á ideoloxía política nacionalista.

Ás ideas aquí expostas por Formoso están profusamente documentadas e argumentadas e quizais a única chata que se lles pode apor é unha excesiva teorización, se ben resutan altamente interesantes para rachar con esas ideas preconcebidas, tan lesivas para a lingua.

Do estigma á estima é unha obra demasiado académica (especialmente na súa forma), con todo o bo e todo o malo que pode supor isto, mais altamente recomendable para todas e todos aqueles que sigan pensando que certos prexuízos lingüísticos son máis historia que presente. Por desgraza, non é así, polo que esta finísima análise resulta un revulsivo para reflexionar, espertar e, sobre todo,seguir movendo conciencias.

Montse Pena Presas

Deixa un comentario!