Menu Xerais

Dolores Redondo, gañadora do Premio Planeta 2016, visita a Ribeira Sacra para falar da súa novela «Todo isto che darei»

Galicia confidencial publicou unha información sobre a novela Todo isto che darei de Dolores Redondo, Premio Planeta, 2016, e a próxima visita da súa autora á Ribeira Sacra.

 

 

A gañadora do Premio Planeta 2016 visita a Ribeira Sacra

Dolores Redondo chega a Monforte convidada polo alcalde e da man de edicións Xerais para presentar “Todo isto che darei”.

A escritora vasca Dolores Redondo visita a Ribeira Sacra o 27 de decembro despois de ter contactado con ela hai varias semanas o alcalde de Monforte, José Tomé,  para convidala a coñecer a cidade e presentar o seu traballo literario nesta cidade. Aproveitando esta invitación, edicións Xerais organizou a visita e planificou unha serie de actos promocionais da versión galega da obra gañadora do Planeta Todo isto che darei.

A primeira parada de Dolores Redondo será ás 12.00 h. da mañá na Casa Grande de Rosende, casa de turismo rural de Sober que sae na portada da obra e que acollerá a presentación á prensa do seu traballo editorial. No acto participará o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián.

Pola tarde, ás 17.30 horas, está prevista unha recepción no despacho da Alcaldía de Monforte onde a escritora asinará no libro de Ouro. Un pouco máis tarde, ás 19.00 horas, terá lugar un acto de presentación da obra no Centro do Viño. O acto está aberto ao público e nel intervirán, ademais da autora: Manuel Bragado, director de Xerais, Román Rodríguez, conselleiro de cultura, e José Tomé Roca. Pechará o acto Dolores Redondo e haberá un coloquio.

A autora, con raíces galegas, ten recoñecido  publicamente que a súa avoa tivo moito que ver na súa vocación literaria polas historias que lle contaba, e que se sente engaiolada pola beleza da Ribeira Sacra, motivo polo cal decidiu ambientar a obra nesta fermosa paraxe.

 

Deixa un comentario!