Menu Xerais

Dolores Vilavedra: «é urxente atopar o que Maalouf chama ‘humanismo mobilizador’»

E por se alguén non se decatara, chega a nós para proclamalo a voz lúcida, firme e, ao tempo, fondamente consoladora, de Amin Maalouf, a quen xa botabamos de menos en galego dende que o descubrimos grazas a Xerais no 2000 en A viaxe de Baldassare; por certo, unha novela que non perdeu un chisco de actualidade e que pode resultar iluminadora no inaprazabe debate do que deberían agromar fórmulas axeitadas para a convivencia entre oriente e occidente. Maalouf volta ao noso idioma co ensaio A deleiba do mundo. Sen ostentar de erudición, mais sen dúbida con moitas lecturas subxacentes, Maalouf fala dende a identificación co mundo árabe e co europeo, e dende a vontade de non renunciara ningún deles, e faino movéndose “entre a extrema inquietude e a esperanza”, para dicir “que é tarde, mais non demasiado tarde” e que polo tanto o que cómpre predicar “non é a desesperanza, senón a urxencia”. A urxencia de atopar o que Maalouf chama “un humanismo mobilizador” que nos permita poñerlle freo á regresión que se aveciña, unha tarefa á que todos os que estamos a vivir este estraño comezo de século estamos convocados.

Comentario extraído do traballo titulado «Receitas varias para tempos de crise», publicado no suplemento «Luces» de El País Galicia (18-12-2009)

Comentarios pechados