Menu Xerais

Dolores Vilavedra fai un repaso polas novidades de Xerais en Crónica e Narrativa

Dolores Vilavedra publica na sección Luces de El País a súa Rolda de Letras. Extraemos os parágrafos referidos ás novidades de Xerais:

Leva tempo Xerais apostando polos libros que abertamente toman partido por certas causas urxentes: nesta ocasión cómpre saudar o de Yasmina Shawki, Fundación Libélula, onde as sinxelas historias de catro mulleres nos mergullan no mundo do maltrato e a explotación feminina.

—Afondando na memoria. E se nos últimos tempos a reelaboración da nosa memoria colectiva foi máis ben literaria, non podemos ignorar a conveniencia de articulala como discurso historiográfico. Velaí temos as últimas achegas de Dionisio Pereira, quen en Loita de clases e represión franquista no mar contribúe á reconstrucción da memoria gremial das xentes do mar, ou A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra de Gonzalo Amoedo, un dos moitos capítulos que faltaban por escribir do relato da represión no ámbito local. Aníbal Otero. Lingüística e política en España na guerra civil e no franquismo de Xesús Alonso Montero é a biografía, concibida ao xeito persoalísimo do seu autor, que deixa ben claro -entre outras moitas cousas- que fronte as ditaduras non hai disciplinas inocentes: o coñecemento, para os tiranos, sempre é culpable. Benvido sexa este novo contributo a un xénero cobizado polo público e que tanto camiño ten aínda por percorrer entre nós. Tamén Carlos Reigosa foxe dos xustillos xenéricos e aposta pola interdisciplinariedade que tan bos resultados lle leva dado en A agonía do león, versión galega dun libro publicado en 1996 no que o autor hibrida modelos xornalísticos e literarios para reconstruír a andaina vital do guerrilleiro berciano Manuel Girón.

—Voces novas e vellas. Mágoa que as novas voces que algúns editores rescatan do circuíto de premios menores, voces que deberían ser o substrato que alimentase a renovación da nosa narrativa, non ofrezan nada de interese. Cara B de Ignacio Silva válenos para cuestionar unha vez máis o convencional dos límites cuantitativos dos xéneros literarios: neste caso, o de micronovela, como se define unha das narracións incluídas no volume. ¿Por qué aporlle esta etiqueta, e non calquera outra das posibles, a un texto narrativo de pouco máis de 50 páxinas? Os excesos taxonómicos, en literatura, non sempre resultan esclarecedores. Máis conseguidas están as catro narracións d’As palabras que move o mar de Xaime Toxo, especialmente Cartografías, a segunda, articulada como unha novela breve de focalización caleidoscópica, centrando cada capítulo nun personaxe diferente. Pola contra, na primeira, O alento das pedras, o efecto da axeitada dosificación con que se nos permite intuír o desenlace estrágase un chisco polo artificial que resulta o rexistro do monólogo evocativo da narradora.

En canto a O bebedor de rakia de Xesús Manuel Marcos, a madurez do autor resolve con habelencia unha historia na que se vencellan de xeito orixinal a guerra dos Balcáns (da que xa se ocupara algunha outra obra na nosa narrativa recente) e a violencia de xénero cunha factura técnica e discursiva máis que notable.

Dolores Vilavedra

Comentarios pechados