Menu Xerais

Dous libros diferentes escritos cunha sensibilidade que emociona: «santoamaro», de Antonio Manuel Fraga e «A folla azul», de Andrea Maceiras. Crítica de Antonio García Teijeiro en «Versos e aloumiños»

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre os libros: santoamaro, de Antonio Manuel Fraga, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2020; e A folla azulde Andrea Maceiras, con ilustracións de Sonia García, Premio Merlín de Literatura Infantil 2020.

 

Dous excelentes Premios Xerais: «santoamaro» e «A folla azul»

 

Remato unha enorme novela do escritor colombiano Juan Gabriel Vásquez, Volver la vista atrás, na que nos conta as lembranzas do cineasta, Sergio Cabrera, sobre os feitos que marcaron a súa vida e  do seu pai, Fausto Cabrera. Magnífica. Pero aquí non remata a boa literatura porque me agardan dous libros moi atraentes.

Están sobre a mesa dous Premios Xerais  – o Merlín e o Jules Verne – que, tratándose de dous dos escritores que máis me interesan da actual LIX galega, Antonio M. Fraga e Andrea Maceiras, leo cun gusto tremendo.

Antes, sinalar a importancia dos Premios Xerais ao longo de tantos anos, que revitalizaron a literatura galega e abriron canles ata ese momento moi pechadas. Sempre é un pracer ler estes galardóns.

Antonio M. Fraga escribiu Santoamaro co que obtivo o galardón do “Jules Verne”. O escritor de Nogueirosa preséntanos unha novela impactante tanto na súa forma como no seu fondo, e no desenvolvemento da mesma. Concibida como se dunha obra teatral se tratase, o escenario é a Praia de Santoamaro, un lugar onde unha cuadrilla de mozos e mozas se xuntan nas madrugadas dos sábados para bañarse no mar e conversar.

Nese escenario, cunha linguaxe moi axeitada, móstranos as relacións afectivas que existen entre eles. Ao longo das noites van aparecendo as personalidades dos compoñentes da cuadrilla que, paseniño, van amosando as distintas formas de amizade, os segredos que agochan, as súas filias e as súas fobias.

Eu, como lector, síntome espectador privilexiado do que nese lugar acontece. Síntome case partícipe das actitudes humanas que representan e intento comprender a cada un deles. Cunha ben calibrada intensidade dramática, a historia nos presenta un fresco máis que intresante do que senten e padecen eles e ellas arredor dunha amizade complexa. Emocionante, dura e valente, Antonio M. Fraga demostra con contundencia un coñecemento profundo do ser humano, sempre tinguido das contradicións. Un acerto pleno.

O Premio Merlín, gañouno Andrea Maceiras con A folla azul e ben que me alegro. Esta narración, contada cunha delicadeza exemplar, preséntanos a Husu Aké, unha rapaza que é membro da tribo dos Tacaré, filla da Nai Terra e habitante do mundo verdadeiro. Coa complicidade da súa avoa Arumi, a protagonista vai coñecer a degradación da natureza por parte dos seres humanos, sen escrúpulos, e terá que emprender unha aventura para acadar “a folla azul” e así poder salvar a tribu da epidemia que padece. Husu Aké ten un don e non pode perdelo. Para iso terá que vencer moitas dificultades porque os Kuben, “os homes malos” teñen moito poder e non llo van poñer doado. Sempre ao asexo, estes personaxes son molestos, ruidosos e destrutivos.

A folla azul é un alegato contra a destrución do mundo verde –a Amazonia, por exemplo- e a prol das tribus indíxenas que o levan habitando dende os inicios dos tempos. Digo que é un alegato pero é, ao tempo, literatura pura e de calidade. Contada en primeira persoa, esta novela ten todas as características da boa literatura, con lendas, mitos, narración oral, historias sobre a luz e a escuridade, cun bo número de costumes e tradicións dos pobos indíxenas e a súa importancia no equilibrio do mundo, ademais da defensa da súa identidade nunha nota ao final do libro, por parte da autora: “Esta novela -escribe Andrea- pretende ser unha humilde homenaxe a todos eses homes e mulleres que nos demostran que outro modo de vivir é posible e que non se trata dun ideal, senón dunha realidade que sucede aquí e agora”.

Dous libros diferentes escritos cunha sensibilidade que emociona, porque autor e autora, aman fondamente o ser humano.

Un luxo.

Comentarios pechados