Menu Xerais

Dragal, a evolución da serie do dragón. Por César Lorenzo

No artigo «Nova parada nas sagas galegas de fantasía» publicado en Biosbardia o xornalista César Lorenzo Gil repasa o proceso evolutivo da serie Dragal, de Elena Gallego.

 

Dragal

No 2010, o xurado do Premio de Literatura Xuvenil que convoca Xerais le o primeiro orixinal dunha aventura que buscaba nas propias raíces da tradición épica galega un conto sobre o encontro dun dragón e un rapaz de hoxe en día. Aínda que ao final tal proposta só foi finalista do certame, na cerimonia de entrega de San Simón xa se falaba destas aventuras con entusiasmo. Meses despois, Xerais publica Dragal, a herdanza do dragón, que rapidamente se converte nun éxito de vendas.

A súa autora, a xornalista Helena Gallego Abad, ten contado varias veces que a idea de escribir a saga naceu cando viu que os adolescentes máis achegados vibraban con aventuras tales coma as de Harry Potter, con base a tradicións anglosaxoas. “Por que non aproveitar a nosa propia tradición para inspirar novas historias que os atraian”, pensou. A fórmula funcionou.

No 2011 aparece a segunda parte da historia: A metamorfose do dragón. É devorada pola mocidade. O boca en boca converteu os episodios de Dragal nunha tendencia nas lecturas xuvenís. Gallego empezou a oír iso de que era demasiado lenta escribindo os seus libros.

Coa terceira entrega, A Fraternidade do dragón, do 2013, parecía que se completaba a triloxía. Pero o grande acollemento por parte do público, a tradución da saga a outros idiomas, incluído o inglés e o proxecto audiovisual para levar á pantalla a historia, animaron a escritora a continuar a saga. No próximo mes, previsiblemente, publicarase A estirpe do dragón, tamén baixo o selo de Xerais.

César Lorenzo Gil

Deixa un comentario!