Menu Xerais

«Dragal», novela de aventuras para a mocidade

O crítico Xosé Manuel Eyré publica unha recensión en A Nosa Terra baixo o denominador común de «novelas de aventuras para a mocidade» na que aborda dous títulos da colección Fóra de Xogo publicadas recentemente por Xerais: A cripta do Apóstolo e Dragal.

Reproducimos a continuación o que se di de Dragal, de Elena Gallego Abad:

A novela de Helena Gallego, finalista do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, rescata para a literatura galega unha figura que non adoita ser das máis frecuentes malia gozar dunha popularidade ben grande: o dragón, na Galiza. Á vez que  recolle temas relativos a valores que adoitan ser considerados moi oportunos nesta caste de narracións. Velaí a soidade, ou a integración e marxinación, a amizade, a carón da colaboración e as primeiras experiencias amorosas. Inseridos no clima de misterio que tanto reclaman  os lectores destas idades. Hadrián chega a unha vila galego, é novo no instituto, marxinado por raro, igual que Mónica, a chapona. Ambos terán que enfrontarse non só a Brais e a súa cuadrilla de abusóns senón a un misterio que os irá envolvendo pouco a pouco até mergullalos nunha aventura de proporcións incríbeis.

E se antes mencionamos aspectos compartidos por ambas novelas, fica aínda un: o elixido. Neste caso, Hadrián herda do seu pai, morto en estrañas circunstancias, esa característica, que o fai depositario dun segredo agochado desde tempos inmemoriais. Polo medio, unha igrexa cunha representación dun dragón, unhas catacumbas, unha peculiar poza e a orde de Dragal. A metamorfose Hadrián-Dragal francamente ben resolta e a dosificación da trama tamén. En realidade, a novela só ten dúas pexas. Unha primeira –para nós é a menos importante– que toda a novela é un punto de inicio, e polo tanto, o remate non é todo o climático que estes lectores adoitan agardar. E, en segundo lugar, a novela nótase en exceso que está contada para un lectorado de quen non se agarda valoración estética senón temática. En si é un erro moi grave, porque o texto chégalles tan mascado que só lles queda a ancoraxe temática, unha ancoraxe que tampouco os vai encher ao ter ese remate aberto. Por outra banda, hai que dicir tamén que a novela xerou as suficientes expectativas como para que esteamos agardando pola continuación, xa que sería ideal cunha exposición máis ambiciosa, unha que non rexeitase ningún tipo de lector, inclusive adulto, pois non por iso vai perder lectores entre os máis novos senón que redimensiona o mesmo misterio central facéndoo máis atraente.

A recensión crítica completa pode lerse aquí.

Comentarios pechados