Menu Xerais

Elas son as que contan: nova literatura infantil

O xornal El Progreso publicou unha reportaxe de Marta Veiga sobre as novas autoras de Literatura infantil e xuvenil.

 

Nova literatura infantil: elas son as que contan

O gran bestseller da literatura galega, ‘Memorias dun neno labrego’, é un libro infantil. Neste outono no que vimos de despedir a Neira Vilas, unha galega, Ledicia Costas, gañou o Nacional e o Lazarillo. A súa é a faciana máis recoñecible das novas narradoras, a xeración Escarlatina que teima en reforzar o status de Galicia como potencia en xerar maxia para os lectores mozos

A CARÓN do nome de Ledicia Costas (Vigo, 1979) escríbense os de Elena Gallego Abad (Teruel, 1969), Rosa Aneiros (Meirás, 1976), Teresa Moure (Monforte, 1969), María Solar (1970), Érica Esmorís (A Coruña, 1977), Sabela González (Burela, 1981) ou Andrea Maceiras (A Coruña, 1987). Trátase de autoras nacidas á lectura grazas a clásicos como Roald Dahl e Astrid Lindgren, pero xa tamén por obra de Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo ou Paco Martín, a xeración Lamote, chamada así por ‘Das cousas de Ramón Lamote’ de Paco Martín, o primeiro premio Nacional que conseguiu xamais un libro en galego, en 1986. A xeración Lamote sentou o canon galego da literatura infantil e xuvenil (LIX) e rachou o teito de cristal con traducións e premios internacionais.

Sinala Costas que, no circuíto galego, os premios resultan un «cambio radical» e que un recoñecemento coma o Nacional de Literatura Infantil que ela acadou por ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’ é un «auténtico terremoto». Un sismo que está a erguer a xeración Escarlatina trinta anos despois da xeración Lamote.

Recén chegada do Salón del Libro de Madrid, esta autora que deixou a avogacía hai dous anos para dedicarse enteiramente á escrita —«e iso que din que en Galicia non se dá vivido da literatura»— asegura que a percepción desde fóra é inmellorable. «Dinme cousas como: ‘Vaia racha que levades en Galicia!’», comenta.

Contribúen a esta boa imaxe o traballo de editoras como Kalandraka, OQO, Ouvirmos ou Baía, así como o de ilustradores do talle de Noemí López, Xosé Cobas, Víctor Rivas, David Pintor ou Miguelanxo Prado, que adoitan destacarano a ano nos galardóns de deseño de álbumes e libros infantís. A isto engádeselle o tirón de veteráns coma o vilalbés Fernández Paz, que en 2016 será candidato de novo aos premios Astrid Lindgren e Hans Christian Andersen, os máis importantes no xénero.

«Non hai outras letras galegas —narrativa adulta, ensaio, poesía, historia— que teñan o recoñecemento que as infantís e xuvenís», afirma Ledicia Costas, quen se sente tan herdeira coma compañeira da xeración anterior.

E de que fonte mana o talento? Ao achegarse á obra de Costas e de Elena Gallego Abad é sinxelo recoñecer a tradición oral e a historia de Galicia. No caso de ‘Escarlatina’, están aí as celebracións de Defuntos, o tempo no que os mortos viaxan ao mundo dos vivos —ou era ao revés?—, mentres que Dragal fala da simboloxía románica dos dragóns e da linguaxe indescifrable dos códices medievais. Non porque Elena Gallego sexa especialmente seareira da fantasía, senón porque quería que o seu fillo «quedase atrapado nas páxinas dun libro escrito en galego, coa súa pinga de maxia».

O sustrato nútrese de lecturas. Ao preguntarlles ás autoras, repítese o nome de Astrid Lindgren, a sueca que pariu a ‘Pipi Mediaslongas’ e a ‘Ronja’ —«marcou moito a miña ideade fantasía épica», di deste último libro Sabela González—.

Aparecen nas conversas ‘A historia interminable’, de Michael Ende; ‘Rebeldes’, de Susan E. Hinton, ou ‘Mujercitas’, de Louisa May Alcott. E Maria Gripe —sueca, como Lindgren—, moi popular entre as rapazas que foron nenas antes dos primeiros noventa. «Eu lin a tradución española de ‘Los escarabajos vuelan al atardecer’ e aínda o cito cando me preguntan polos meus libros favoritos», sinala Costas.

Érica Esmorís [na foto] lía co degoiro o catálogo do Círculo de Lectores, mentres que Elena Gallego, cando quedou a vivir cos seus pais en Galicia, achou o paraíso na biblioteca de Verín, onde descubriu a Verne, Agatha Christie ou Enid Blyton para pasar logo a Walter Scott, Dumas, Cervantes ou Salgari. En castelán, lembra esta autora nacida en Teruel por iso de que as galegas nacen onde lles peta, xa que ata a Lei de Normalizaciónde 1983 non chegaría a lingua propia de Galicia ás escolas. A este respecto, Costas apunta apunta que ela non leu en galego ata as ‘Cartas de inverno’ de Fernández Paz e ‘A sombra cazadora’ de Suso de Toro, «xa no instituto». Para Érica Esmorís, esas lecturas escolares en galego —«grazas ás acertadas seleccións dos profesores»— que lembra con «especial cariño» son o xa citado Lamote de Paco Martín e ‘A nosa cinza’, de Xavier Alcalá.

E canda referentes en branco sobre negro, a cultura pop. A burelesa Sabela González nunca se tivo por unha ‘potterhead’, mais recoñece que a súa colección de ‘harrypotters’ en 25 idiomas «algo axuda» a que llo chamen os demais. Comenta tamén á «influencia inconsciente» da serie ‘Xena, la princesa guerrera’, que revisitou de Erasmus en Francia, cando comezou a trazar a triloxía de fantasía épica das ‘Crónicas de Landereina’.

González Panizo é tamén tradutora e secretaria da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) e está certa de que existe certa camaradería entre as autoras galegas mesmo nos casos nos que non se coñecen en persoa. «Lémonos e apoiámonos», enfatiza. Concorda Gallego, quen celebra a utilidade das redes sociais, malia que ela lamenta non poder estar «ao día de todo o que se publica».

Na nova LIX galega as mulleres son máis. Costas celebra o feito, pero —deformación profesional— fai de avogada das silveiras: «E non haberá quen pense que é así porque é un xénero menor?», pregunta, ao tempo que aprecia que nos andeis de narrativa sen apelidos —a de (disque) adultos— seguen a mandar os homes.

Que é LIX e que é literatura a secas? Responde Esmorís: «Unha idea que comparto con Andrea Maceiras, gañadora do Jules Verne con ‘Europa Express’ [e di outro tanto Elena Gallego], é que as fronteiras entre a LIX e a literatura para adultos, nalgúns casos, esvaécense. O que penso é que máis adultos deberían ler LIX, non só o que se chama literatura ‘young adult’. adultos, en inglés], senón tamén infantil».

Una das vantaxes de que escriban as mulleres reside na creación de personaxes femininas complexas e que desafían os roles tradicionais. «Eu medrei nun mundo de ‘matildas’ e ‘ronjas’, logo nun de ‘coralines’, ‘hermiones’ ou ‘trises’. Nunca me faltaron mulleres molonas. As personaxes femininas máis fortes son nas que non te cuestionas por que son mulleres nin cumpren a función de ‘compi do prota’ ou ‘prota feminina porque queda ben’», sinala González.

Comparte esta idea Esmorís, quen agarda que algunha vez non teña sentido preguntarse se hai protagonistas femininas, ao tempo que sentenza que a verdadeira boa noticia «sería que os rapaces (eles) escollan un libro independentemente de que o protagonista sexa un neno ou unha nena». Aí está a chave das noces.

Marta Veiga

Comentarios pechados