Menu Xerais

Elba Pedrosa: «Esta novela ten amor, intriga, pero tamén é un berro de liberdade e de emancipación das mulleres». Entrevista no xornal «Atlántico Diario» sobre: «O que non sabías»

O xornal Atlántico Diario publicou unha entrevista asinada por Ana Baena á escritora Elba Pedrosa sobre o libro: O que non sabías, publicado por Xerais na colección Narrativa (Imaxe: Atlántico Diario).

 

ELBA PEDROSA:

“A novela ten amor e intriga, pero tamén é un berro de liberdade, de emancipación da muller”

Elba Pedrosa (Santa Cruz de Tenerife, 1973), consultora e formadora en creatividade e oratoria, presenta a súa primeira obra de ficción, “O que non sabías”, que sae publicado simultaneamente en galego e en castelán.

Que versión foi primeiro: a escrita en galego ou a de castelán?

Fun escribindo nos dous idiomas. Ao ser unha historia con distintas voces e ambientada no rural galego dos anos 60, a historia pedíame o galego. Fun alternando. Non fixen traducción.

Que lle levou a tratar un tema tan lonxe da súa realidade?

Non o está tanto. Fala de migración e que galego non ten algún familiar que marchase? Pola banda da miña nai viaxaron a Arxentina e por parte do meu pai, estaban vencellados ao banco onde os emigrantes enviaban o diñeiro. Levo moitos anos escoitando historias deste tipo. Ambientei a historia no Val Miñor porque aquí pasei a miña nenez e quixen reflectir esta contorna.

A trama cóntase dende a visión de Marisa e Roberto, nai e fillo. É un xeito de completar tódalas arestas do poliedro?
Os dous protagonistas teñen que explicar a súa historia, pediron ter voz. El, xa adulto, rememorando a súa adolescencia, na procura do que oculta o seu pasado e que lle facilite un cambio vital, conéctase coa historia da nai. A historia vaise tecendo sobre todo eles e amosa outros fíos: o psicolóxico ou o social.

Os personaxes buscan un cambio vital. É unha novela de retos?
Dixéronme que era unha novela liberadora. Gustoume porque deixa esa sensación de tranquilidade. Ten amor, intriga, pero tamén é un berro de liberdade e de emancipación das mulleres.

Comentarios pechados