Menu Xerais

Elena Gallego Abad: da novela «Sete Caveiras» á toponimía galega da man do proxecto «Dragal»

A escritora Elena Gallego Abad continúa o seu labor de divulgación para explicar os seus libros aos lectores e lectoras. Por unha banda, a TVG deu conta da presentación de Sete Caveiras, de na Feira do Libro de Pontevedra. Por outra, o xornal El Correo Gallego recolle a iniciativa do proxecto Dragal, que agora chega a  Soutomaior para fomentar o coñecemento da toponimia galega.

 

 

O proxecto Dragal chega a Soutomaior para fomentar o coñecemento da toponimia galega

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza este xoves no IES Manuel Padín Truiteiro, de Soutomaior, a terceira das sete conferencias sobre toponimia que se desenvolverán durante o mes das Letras en diversos institutos galegos no marco do proxecto Dragal. Cada un dos relatorios é diferente, dado que se trata de ampliar o coñecemento e incentivar a curiosidade do alumnado sobre os topónimos dos seus propios concellos. As conferencias continuarán mañá no IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia e no IES Taboada Chivite de Verín.

Estas charlas forman parte dunha experiencia moito máis ampla que a Consellería, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está desenvolvendo dende comezo de curso en 7 centros educativos de secundaria. Trátase do Proxecto Dragal, unha iniciativa multimedia con base na triloxía homónima de Elena Gallego Abad que promove a lectura, a creación e a investigación multidisciplinar en galego.

No marco deste proxecto, o alumnado recibe o convite para pescudar sobre o seu contorno inmediato e para plasmar os resultados do seu traballo en diversos soportes. Dende finais de abril e ao longo de todo o mes de maio, desenvolveranse en cada centro educativo conferencias sobre a toponimia maior do concello onde está situado que servirán de estímulo para que a rapazada inicie os seus propios traballos de pescuda. Ademais, abordarase o tema da toponimia lendaria; é dicir, aquela que fai referencia a dragóns, xigantes, mouros, encantos ou tesouros.

Pódese ver unha mostra das presentacións empregadas para as conferencias nos centros no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega.

Proxecto Dragal

Máis de 500 alumnos e alumnas de primeiro da ESO e do programa de diversificación curricular do CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto de Boqueixón, do IES David Buján de Cambre, do IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, do IES Taboada Chivite de Verín, do IES Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior, do IES de Mos e do CPI da Cañiza participan este curso no Proxecto Dragal da man dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, encargada de coordinalos.

Este programa experimental conta cun wiki de acceso restrinxido aos dragaliños, ou alumnos e alumnas participantes no proxecto, e mais ao seu profesorado. Alí poden atopar xogos en liña relacionados coa temática da triloxía Dragal, propostas de traballo e materiais para abordalas.

Dende o comezo do curso, e tras a lectura d’A herdanza do dragón, primeira novela da triloxía de Gallego Abad, o alumnado estivo ocupado en tarefas como a dragalización ou ambientación do seu centro educativo, o resumo e reelaboración da narración en forma de banda deseñada, o intercambio de finais alternativos para a novela ou a investigación sobre aspectos da historia e do patrimonio galegos relacionados coa triloxía. No derradeiro trimestre do curso, o traballo céntrase na toponimia. As actividades do proxecto pecharanse este curso o 13 de xuño cun encontro do alumnado dos 7 centros participantes que se celebrará no concello de Boqueixón; máis concretamente, no Pico Sacro, lugar lendario cun importante papel na triloxía Dragal.

O valor da toponimia

A toponimia é a disciplina que estuda os nomes propios de lugares (poboacións, ríos, montes, leiras…), a súa orixe e evolución. Constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso. A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, quere poñer en valor este patrimonio e fomentar no alumnado o interese por el partindo dos lugares que os rapaces e rapazas teñen máis próximos, os dos seus concellos, e mais da curiosidade que suscita a chamada toponimia lendaria.

Comentarios pechados