Menu Xerais

Emoción poética: «Poemar o mar» de Antonio García Teijeiro. Anotacións de Ramón Nicolás e Manuel Bragado

Tanto Manuel Bragado, director de Xerais, que publicou unha anotación en Brétemas, como Ramón Nicolás, que fixo o mesmo no Caderno da crítica, fixéronse eco da presentación do libro Poemar o mar de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xan López Domínguez. A foto do acto é de Miguel Ángel Alonso.

 

 

XG00253201«Poemar o mar» de Antonio García Teijeiro

A libraría Librouro encheuse onte coa presentación de Poemar o mar, o novo libro de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xan López Domínguez. Iniciou o acto Helena Pérez, en representación de Xerais, que explicou a orixe desta edición, a primeira colaboración entre Teijeiro e López Domínguez, e a encadrou na triloxía do mar do autor, da que forman parte ademais deste volume Palabras do mar, editado por Embora, e En la cuna del mar, editado por Creotz ediciones.

No inicio da súa presentación, o escritor e crítico Ramón Nicolás lembrou a relación de García Teijeiro con Celso Emilio Ferreiro e Moraima, a quen entrevistou. Definiu Poemar o mar como «libro memorable e indeleble, con ritmo de seu dende o propio título, «un libro que constitúe un compendio e actualización de toda a poesía galega do mar, dende Johán de Cangas e Mendiño, pasando por Manuel Antonio e Cabanillas, até os poetas actuais.» Para Nicolás «a palabra clave no libro é a emoción poética«, como tamén o é «a idea do mar como salvación», «xa que Antonio García Teijeiro cando fala do mar fala de todas as cousas». Rematou Ramón Nicolás identificando o paralelismo do libro de Teijeiro coa obra de Rafael Alberti cando dicía aos oitenta e seis anos que «o mar cabe nunha soa onda». Pola súa banda, o autor salientou que concibe «o mar como un sentimento íntimo», «sinto que o mar me chama, como me chaman os poetas do mar como Alberti, Mendiño ou Martín Codax».

Manuel Bragado

Na presentación de «Poemar o mar», de Antonio García Teijeiro, en Librouro (Vigo)

Foi a de onte, ao meu ver, unha presentación memorable por moi diversas razóns. O espazo da presentación converteuse nunha sorte de peirao fantástico onde Helena Pérez, en representación da Editorial Xerais, se referiu á xénese de Poemar o mar e ás confluencias do discurso literario de Antonio García Teijeiro e da intepretación plástica a cargo de Xan López Domínguez.

    Tras a miña intervención -grazas a Brétemas pola crónica–  o autor reparou na relevancia do mar na súa obra literaria, sempre presente en moitos libros seus anteriores, entendendo que con este libro, culminando unha triloxía, salda esa débeda de vez. Para García Teijeiro o mar segue a fluír nel e na súa escrita, abalos e devalos  que sempre traen preguntas e respostas  ás que quixo atender. O mar, en definitiva, supuxo e supón “un sentimento íntimo que renova o ánimo” respecto do que sempre sentiu unha “chamada insistente”.

    Tras deluvar eses outros mares literarios cos que sentía en débeda  e salientar ese espírito lúdico e emocional que quixo transmitir, dúas alumnas e un alumno do colexio Possumus deron lectura a algúns dos poemas para finalizar o acto con Helena Pérez interpretando a viva voz e con pandeireta un dos poemas máis fermosos deste libro a ritmo de maneo. Poesía e música de mans dadas para un feliz serán. Que veñan máis así!

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!