Menu Xerais

Emotividade e poesía. Anotación en Brétemas sobre «un rato díxolle á lúa», a antoloxía poética de Antonio García Teijeiro

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre a presentación de  Un rato díxolle á lúa, a antoloxía poética de Antonio García Teijeiro feita por Fran Alonso e ilustrada por Xosé Cobas, con música de Paco Ibáñez.

 

 

Con Antonio García Teijeiro e Paco Ibáñez

A presentación da antoloxía da poesía infantil de Antonio Garcia Teijeiro pagou a pena. Máis de duascentas persoas ateigaron o salón da Casa do Libro de Vigo para acompañar ao autor de Na fogueira dos versos e ao seu amigo Paco Ibáñez. Tras as intervencións magníficas do antólogo Fran Alonso, do crítico Román Raña (crítico) e do ilustrador Xosé Cobas, chegaron os minutos máis agardados nos que Teijeiro e Ibáñez falaron, cantaron e recitaron. Foron momentos emocionantes dun intenso silencio e dunha vibración compartida de dous amigos unidos polos afectos xerados pola poesía. Unha emotividade que se incrementou cando o público os acompañou cantando o retrouso do tema final da pomba. Como ben salientou Antonio é incomprensible que Paco Ibáñez non teña apenas presenza nos medios españois, cando continúa sendo unha figura internacional, cunha axenda chea de concertos. Aos seus setenta e oito anos o cabezaleiro da xeración «A galopar» mantén intactos o seu pulo vital e a súa xenerosidade desbordada, a da cultura da acollida. Xesús Alonso Montero, presidente da Academia Galega, expresoulle a Ibáñez a súa admiración e gratitude polo seu compromiso co repertorio galego que leva polo mundo, no que ademais das pezas de García Teijeiro inclúe outras de Celso Emilio Ferreiro. Outro momento do serán difícil de esquecer produciuse xusto ao remate da presentación. Un señor maior, dirixíndose a Ibáñez, espetoulle: «Paco, eres una acumulación de juventud». Un serán literario e musical emotivo para presentar un libro importante.

Deixa un comentario!