Menu Xerais

En clave de metáfora: «Recinto gris», de Ledicia Costas. Crítica de María Navarro

María Navarro publicou as páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Recinto Gris, de Ledicia Costas.

 

 

Ficción distópica

Cuestionando actitudes

A cor cincenta tingue dende o comezo unha das últimas entregas que Ledicia Costas ofrece aos lectores. Nesta ocasión Xerais acolle un texto que sorprende polo cambio de ton na liña temática de Unha estrela no vento e O corazón de Xúpiter.

Un potente fenómeno meteorolóxico desencadea uns acontecementos que sorprenden pola agresividade que se desprega a continuación. Soldados lobo encárganse de levar das súas casas as persoas diferentes e conducilas a un lugar afastado onde se verán desprovistas de toda dignidade; nomes, roupas, pertenzas persoais… e mesmo as lembranzas do pasado non teñen cabida en Recinto Gris. É esta, Recinto Gris, unha novela que poderiamos encadrar no eido da ficción distópica, porque dalgunha forma explora estruturas sociais, económicas e políticas dun pobo. Logo a interpretación en clave metafórica do texto conduce os lectores a cuestionarse comportamentos e actitudes presentes no noso entorno e que deixan ao descuberto os niveis de degradación aos que podemos chegar ou cara a onde nos diriximos se permitimos ou damos por boas determinadas condutas, ideoloxías, pensamentos…

Ao final sempre o berro daqueles que, expoñendo a súas vidas, se afanan por cambiar o mundo, conseguen debuxar un gran sorriso e iluminar a realidade, pero isto sería, quizais, material para outra entrega.

María Navarro

Comentarios pechados