Menu Xerais

Entre a liberdade do salvaxe e a calor da manda humana: «As estacións do lobo», de María Reimóndez. Anotación no xornal Nós Diario

 

O xornal Nós Diario publicou unha anotación asinada por Irene Pin sobre o libro: As estacións do lobo, de María Reimóndez, publicado por Xerais na colección: Narrativa.

 

“As estacións do lobo”: Entre a liberdade do salvaxe e a calor da manda humana

Na recuperación progresiva das actividades vencelladas ao sector do libro, comezan a retornar algunhas das que se viron canceladas. Aínda que o libro As estacións do lobo(Xerais) se publicou en 2019, María Reimóndez tiña previstas varias presentacións que non se realizaron por mor da COVID-19. Hoxe mesmo vaise resarcir virtualmente nun evento organizado pola libraría Lila de Lilith, ás 18.30 horas a través da plataforma Zoom, mais no que non falará exclusivamente da obra, senón do chamado “ciclo dos elementos”, do que a novela constitúe a última achega. E non o fará soa, pois vai contar con convidadas de luxo para lle axudar a trasladar as múltiples voces que compoñen este universo ficcional interrelacionado e poliédrico. As súa parceiras forman parte, como confesa a Nós Diario a autora, da súa “manda dos afectos”.
Ánxela Lema falará de Gaia, a protagonista de En vías de extinción (2012); Mercedes Peón farao de MK (A música dos seres vivos, 2015), coa que a une á música; Montse Dopico, como xornalista, introduciranos no universo de Saínza (Dende o conflito, 2014), coa que sentía máis afinidade, e Montse Paz levaranos ao duro mundo d’As cousas que non queremos oír (2017). Será Eva Teijeiro a encargada de introducir a Clara, coa que a vincula en especial a relación coa cidade de Lugo na que se desenvolve As estacións do lobo.

“A escolla foi algo que xurdiu de maneira moi orgánica”, conta Reimóndez, que manifesta ademais a súa preferencia polos proxectos colectivos. A idea de escribir este ciclo presentouse como un “desafío na escrita”, na procura dunha estreita complicidade coas lectoras, que poden ao tempo estabelecer as súas propias visións sobre este universo tecido con fíos delicados, no que cada novela funciona de maneira independente. Reimóndez parte orfa nesta concepción narrativa, non coñece como referente un proxecto parecido, aínda que lle teñen comentado que Almudena Grandes podería estar a desenvolver algo análogo.

Relación coa natureza

O fío condutor metafórico da novela segue o proceso inverso de domesticación que deu paso do lobo ao can, esbozando un retorno ao salvaxe como vía para a liberación da protagonista. Así a historia rebélase contra a socialización da muller nunha “domesticación permanente”.

Xa En vías de extinción presentaba os cans como punto de partida que une as personaxes, explica Reimóndez, se ben afirma que ela é “máis de árbores”. Un comentario nada casual que agocha a transcendencia da relación coa natureza máis alá do animal, en construcións que desde a teoría converxen dalgunha maneira na escrita. Con influencia do posthumanismo ou a ecocrítica, Reimóndez procura distanciarse dos esencialismos do ecofeminismo -“unha corrente coa que teño discrepancias”, indica- e apunta máis cara aos feminismos ecoloxistas. Así, as preocupacións polos dereitos ambientais, dos humanos e non humanos -e dentro deles non só os animais- son temas que atravesan a súa obra, tamén fóra do ciclo, por exemplo, no último libro de Literatura Infantil e Xuvenil que saíu do prelo, A formiga destemida (Xerais, 2020), que se viu igualmente afectado pola emerxencia sanitaria.

A manda e o amor

Dentro do “ciclo dos elementos”, As estacións do lobo é o texto no que aparece de maneira máis evidente o amor como tema central ao que se enfronta a protagonista, unha tópica que se presenta “como construto social e patriarcal”, di Reimóndez. Así, hai un “desmantelamento da visión de parella e da familia sanguínea”, en favor da manda escollida e das outras formas nas que xorden tamén os afectos.

Comentarios pechados