Menu Xerais

Entrevista a Fran Alonso no Atlántico: «En ‘Ninguén’ reflexiono sobre a vecindade cunha mirada indiscreta»

O Atlántico Diario publicou unha entrevista de Ana Baena con Fran Alonso con motivo da publicación de Ninguén, o seu último libro de narrativa.

«Tento dar conta do que sucede ao meu arredor»

Fran Alonso (Vigo, 1963) é escritor, xornalista e editor. Subdirector para a Edición Xeral en Xerais, como escritor ten no seu haber máis de 17 títulos que lle valeron premios como o Blanco Amor de Novela, o Losada Diéguez, o Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ou a distinción White Ravens da Biblioteca Internacional de Múnic. Ten obra en catro idiomas e acaba de publicar o seu último libro, Ninguén, tamén con Xerais, en galego.

—Neste libro analiza as relacións sociais da actualidade, teñen mudado moitos nos últimos anos?
—En Ninguén reflexiono sobre a vecindade cunha mirada indiscreta do que percibimos pola apariencia ou escoitamos a través das paredes; pero tamén é unha análise sobre como as novas tecnoloxías (internet, os móbiles) inflúen no noso hábito de comunicación. Agora as nosas relacións sociais pasaron a basearse na proximidade a ser mediatizas pola tecnoloxía.

—¿É unha reflexión optimista ou feita dende a morriña?

—Non me gusta a melancolía, pero tampouco é positiva. Limítome a dar conta do que acontece no meu tempo; trato de interpretalo sen o xulgar.

—¿Trátase dun ensaio con faciana de novela de ficción?
—É totalmente ficción. Son moitas historias entrelazadas a través dos “hoax”, os bulos que chegan a través do e-mail.

Cultiva a poesía, o ensaio, a literatura infantil e a novela. Non hai xénero que se lle resista.
—Son un pouco todoterreo. Gústame tocar todas as pólas. No meu labor, é un descanso. Concibo o escritor como un explorador. Así, o mue libro anterior é un de poesía infantil, O meu gato é un poeta, e o anterior unha selección das miñas publicacións xornalísticas.

Despois de tantos anos no sector, como ve a saúde das letras galegas?
—É moi bo. Agora hai moitas opcións e xéneros e autores. Aínda que o seu futuro depende do da lingua.

Ana Baena

Comentarios pechados