Menu Xerais

Entrevista con Antonio Seijas pola súa novela gráfica sobre «Cartas de inverno»

Dioivo publica unha entrevista de Montse Dopico con Antonio Seijas centrada na próxima aparición dunha novela gráfica da súa autoría baseada en Cartas de Inverno, de Agustín Fernández Paz, que publicará Xerais durante o vindeiro outono.

 

«Cartas de inverno ten algo especial, e eu síntome privilexiado por levalo a imaxes»

Cartas de inverno, o coñecido libro de Agustín Fernández Paz, terá unha versión en banda deseñada, editada por Xerais, que sairá do prelo o próximo outono. Falamos con Antonio Seijas, o ilustrador que se está a encargar deste proxecto.

Primeiro, como xorde o proxecto de pasar a banda deseñada ‘Cartas de Inverno’. Foi un encargo da editora?

Escribín unha introdución no album para explicar como foi xurdindo todo. En líneas xerais podo dicir que foi cousa miña. Anos atrás Xerais encargoume a cuberta para unha nova edición do libro, e desde entón levaba dándolle voltas á idea de facer unha adaptación a banda deseñada. A partir de aí foi cuestión de comentarllo a Xerais e máis a Agustín, que sempre estiveron a favor da idea, e ir atopando tempo para facelo.

‘Cartas de inverno’ é un libro que suxire, en todo momento, moitas imaxes. É imprescindible imaxinar a casa, o que nela acontece… como pensaches ti as personaxes, a casa…? 

Como calquer lector as imaxes que se describen nos libros vanse xerando de xeito automático no noso pensamento, pero quizais non de maneira tan concreta como é preciso para poder debuxalo. Tiven que ler e ler o libro en innumerables ocasións para facerme coas imaxes. Está claro que son como eu as imaxino e quizais non coincidan coas que cada lector imaxine cando le o libro, pero tentei facelas respetando no posible as descricións de Agustín. Por exemplo a casa, cada quen pode ter imaxinado a súa, e eu o que tento é que a que debuxo encaixe dentro da descrición e da acción do libro.E os personaxes a verdade é que non fixen bosquexos previos, sairon de primeiras de maneira natural. Na novela gráfica veredes o resultado. Irei adiantando cousas no blog e na páxina de facebook de “Cartas de Inverno”.

As únicas imaxes do libro son, se non recordo mal, petroglifos prehistóricos. Servíronche para o debuxo do comic?

Si, serviron, porque eu quería respetar ao máximo a magnifica obra de Agustín, incluso neses detalles. E os petroglifos que saen na banda deseñada son os mesmos que saían no libro.

Ao mesmo tempo, é un libro moi estruturado en base a cartas. (Xa o di o título). Como as vas pasar á linguaxe da historieta?

Esa era a miña principal preocupación cando pensaba no de levalo a banda deseñada. Como ben dis é un libro no que moitos dos seus capítulos son mesmamente cartas, e eu non quería perder iso, é a esencia da obra, o que lle da esa perfecta estrutura. Penso que finalmente atopei un equilibrio para poder conservar esa apariencia epistolar, pero si é complicado facelo en debuxo máis complexo é explicalo aquí de palabra. É mellor velo.

Como está a ser o proceso? Estás traballando en coordenación con Fernández Paz?

O proceso, en canto á miña participación directa rematou, as páxinas están entregadas. Agustín, que é unha grandísima persoa, ofreceume a súa axuda para todo o que eu puidese precisar, e doume total liberdade para encarar o álbum de banda deseñada como quixese. Tanto se facía unha adaptación fiel ou tiraba máis por libre. Como xa comentaba tentei respetar todo o posible o libro. Pode dicirse que traballei pola miña conta, pero se precisaba algo sei que tanto a xente de Xerais como Agustín estaban ao outro lado do teléfono para axudar.

Como reflictes toda a tensión do libro, a intriga, o terror? Por que estilo optaches, en canto ao debuxo?

A banda deseñada ten os seus propios recursos para lograr todo iso que comentas, haberá que ver se os usei de modo efectivo, ha ha ha, pero dende logo tenteino, e para iso usei o meu estilo, o mesmo que usara en “Un Hombre Feliz”, o meu anterior álbum. É un estilo poderíamos dicir pictórico, onde predomina a pintura sobre o debuxo, e onde me gusta crear atmósferas e ambientes, neste caso unha atmósfera opresiva e inquedante, para conseguir que os escenarios onde se moven os personaxes cheguen a formar parte da historia como un personaxe máis, non só como un decorado.

É un dos libros máis coñecidos de Fernández Paz. En que medida é iso unha vantaxe ou un problema para ti? 

No que se refire ao  meu traballo  non me afectou, centreime na obra en si, non na súa repercusión, que como ben dis é moi grande. En canto a novela gráfica estea na rúa supoño que si que pode ser comparado co libro orixinal, pero non é algo que me preocupe. Esto está feito con todo o cariño posible cara a Agustín e o seu libro, a modo de homenaxe ou agradecemento, de ningún xeito teño ningunha outra pretensión, pero sexa como sexa penso que o lector de Agustín que o pasou ben co libro vaino pasar ben tamén coa banda deseñada.

Por último, que significa o libro para ti?

Téñolle un cariño especial. Foi a primeira cuberta que fixen para un libro, gustoume dende a primeira lectura, está ambientado en lugares que están preto de mín.. .É tamén a primeira vez que poño por diante unha adaptación á posibilidade de rematar proxectos propios… E como xa sabráen os milleiros de lectores de “Cartas de Inverno” o libro ten algo especial que te atrapa, e eu síntome privilexiado por poder levar as palabras de Agustín a imaxes.

Comentarios pechados