Menu Xerais

Entrevista con Eva Moreda: «Cinguir a emigración á economía en Galicia é evitar facer autocrítica»

O xornal El Progreso publicou hai uns días unha entrevista de Pablo Villapol con Eva Moreda sobre a súa novela A Veiga é como un tempo distinto, Premio Terra de Melide 2010, entrevista que tamén reproduce o xornal La comarca del Eo.

«Cinguir a emigración á economía en Galicia é evitar facer autocrítica»

Con moitas novelas ás costas a pesares de ter só 30 anos, Eva Moreda case, case asinte cando se lle di que ‘A Veiga é como un tempo distinto’ (Xerais Narrativa) é a mellor que fixo, e de feito di que «tiña moi claro desde o principio o que quería». Aparentemente sinxela, curta, conta a historia de xente da vila asturiana de Vegadeo, A Veiga, en linguaxe coloquial, emigrada a Londres nos 60, cada un afrontando o seu pasado, presente e futuro dun xeito moi diferente.

—Un dos protagonistas do libro é o propio Londres. Están os barrios dos que escribe coma na época do libro?

—Son reais, desde logo, e seguen tengo unhas características parecidas. Pero por exemplo Croydon, daquela, si que era algo así coma unha cidade dormitorio para emigrantes, e moitos deles españois e, polo tanto, galegos. Hoxe, se cadra, eso xa non é tanto así. O que si está tamén moi cambiado é Portobello. Segue habendo o bar Galicia, un colexio español que é un centro do Ministerio de Educación. Daquela, o 90 por cento dos que tiñan alí eran fillos de galegos. Hoxe Portobello é unha zona que está de moda, os prezos encarecéronse e hai un feixe de tendas de roupa, complementos… de marcas de primeira.

—No desenvolvemento da súa novela está marcadísima a diferenza de carácter entre a maioría, non todos, dos emigrados da Veiga e os ingleses, un pouco encarnados por un persoaxe, Jim. Segue sendo esto así ou era cousa dos anos 60?

—Coido que non pasa tanto agora. Daquela había unha diferencia fundamental, que é que en España había unha dictadura, e eso nótase moitísimo na forma de ser da xente, nas cousas ás que se lles da importancia. Agora segue habendo diferencias, claro. Por exemplo, a familia. Aquí é algo moito máis importante. Alí son bastante máis despegados, o que ten as súas vantaxes os seus inconvintes. Tamén está o tema de que aquí importan moito as apariencias. Fanse e, sobre todo, déixanse de facer moitas cousas polo que pensarán de ti os demais, polas apariencias. Eso nótase, por exemplo, a un nivel superficial, no tema da roupa. En Londres vas como queres pola rúa e a ninguén lle importa nada en absoluto o que levas posto e nin sequera miran para ti. Aquí desde logo que non é así. A xente non se come o coco pensando nesas cousas, e nos 60 ou 70 eso aínda tiña máis importancia en España porque tiñas que ter moi presente o que pensaran de ti os que mandaban.

—Sen embargo, nos persoaxes dá a sensación de que os que se adaptan pásano peor.

—A novela está narrada desde dúas perspectivas. Gelo segue tendo na cabeza a Veiga. Elisa e os outros que se integran non é que o pasen mal, senón que teñen outro tipo de problemas. Eles son os dous extremos: seguir coa cabeza aquí ou integrarse alí completamente. Penso que o resto, están na metade. O que salta á vista son as diferenzas culturais. Segue pasando eso? Si que se segue dando agora, a nivel xeral si, pero con matices. Agora eu creo que as diferenzas entre as distintas culturas están bastante erosionadas co tema da globalización e todo iso. Non están tan marcadas. É curioso. Por unha banda, é fácil manter contacto coa túa orixe a través das redes sociais, os voos de baixo prezo… e sen embargo, daquela ó mellor o feito de marchar podía ser ata liberador porque poida que quixeras fuxir de determinada situación, cousa que agora é máis complicada.

—Eso reflícteo nunha frase do libro: «Na Veiga eramos como dous estranxeiros ».

—É que realmente a emigración te situaba nunha nova realidade. Penso que aquí temos a tendencia de pensar que se emigrou só por temas económicos, o mesmo que pasa agora. Ó mellor foi así moitas veces, e pode ser unha desculpa, pero hai tamén motivos políticos, no caso de xente homosexual… Elisa, no libro, atopa unha nova forma de canalizar as súas inquedanzas que non tiña na Veiga. Cando se reduce a emigración galega a motivos económicos non me parece ben. Hai máis cousas. Ese é un motivo, seguro, pero tamén é un xeito de non facer autocrítica, de pensar que o único malo que temos aquí é o tema económico, pero que no resto somos perfectos, e desde logo non é así. Non nos plantexamos esas cousas agora, e antes pasaba o mesmo.

—É certo que Londres xa non é unha cidade tan aberta como era antes cos emigrantes?

—Pode estar pasando, pero penso que a niveis laborais baixos: industria ou servizos básicos, pero despois non. Como levan tanto tempo acollendo xente de fóra, desde moito antes dos 60, segue sendo unha cidade moi aberta. Pero si vexo que moita xente pensa que vas ir alí e atopar un traballo deseguida, e xa non é así, non é tan sinxelo. Por exemplo, cando Polonia entrou na UE temeuse unha avalancha de polacos, como en Alemaña, e de feito pasou, pero xa non é doado atopar traballos, e menos se non sabes ben inglés.

—Está escribindo outro libro ou de momento está a descansar?

—Estou escribindo un infantil, pero levo tempo con el porque é unha novidade para min. Falei con outros escritores que din que este tipo de literatura é máis sinxela, pero para min non o está sendo. Á marxe de ter que, obviamente, simplificar a linguaxe, tés que simplificar a trama, evitar flashbacks, e non quero facer algo como de Disney, así que hai atopar fórmulas para tratar temas como… a morte, por exemplo, sen que sexa un trauma.

Pablo Villapol

Comentarios pechados