Menu Xerais

Entrevista con Eva Moreda sobre «A Veiga é como un tempo distinto»: «A maior parte da xente que emigra hoxe é cualificada»

A edición das Mariñas de La Voz de Galicia publicou hia uns días unha entrevista de Yolanda García con Eva Moreda sobre a súa novela A Veiga é como un tempo distinto, centrada na emigración galega en Londres.

 

EVA MOREDA ESCRITORA RIBADENSE QUE HOXE PRESENTA «A VEIGA É COMO UN TEMPO DISTINTO» NA SÚA TERRA

«A miña última novela marca certa madurez, evolución»

Literalmente, a escritora Eva Moreda Rodríguez (A Veiga-Vegadeo, 1981) volta á súa casa ribadense polo Nadal. Faino para estar cos seus nestas datas xa que a súa vida profesional está actualmente en Londres. Aproveita a ocasión para manter un encontro cos seus paisanos, de escritora a lector, e presentar A Veiga é como un tempo distinto, libro do que é autora e co que acadou o premio Terra de Melide no 2010. O acto, organizado pola Asociación Cultural Francisco Lanza, ten lugar en Ribadeo. En Londres da clase de historia da música na Open University, «como a UNED en España», explica.

—¿Está integrada en Londres?, ¿son diferentes os londinenses aos galegos e en que?, ¿ten morriña da súa terra?

—Si, levo xa alí cinco anos. Creo que hai bastantes diferenzas, sobre todo na mentalidade, as cousas importantes para a sociedade alí son distintas das importantes aquí, que son a familia, as apariencias… ¿Se sinto morriña? Normalmente estou ben, integrada, pero ás veces cando tes problemas coa mentalidade dalí botas de menos estar no sitio onde aprendiches os valores da vida.

—Naceu na Veiga e emigrou. «A Veiga é como un tempo distinto» é unha novela sobre emigración. Aínda que non sexa autobiográfi ca…

—Non é autobiográfi ca pero hai varios detalles da miña vida, a parte de Londres e a da Veiga, en forma de flashbacks.

—¿Como está sendo a resposta dos lectores ante esta novela?

—Bastante boa. En xeral tivo críticas boas. Tamén estou moito en redes sociais, Facebook e Twitter, e xente que, sen coñecerte de nada, me escribiu para dicir que lles gustara…

—En canto aos libros que xa ten editado é…

—O sexto. Tampouco é que marque un cambio de sentido, ou un xiro de 180 graos pero retoma temas que tratara, como o da emigración. Houbo xente que mo comentou, e penso o mesmo, que marca unha certa madurez, evolución respecto a obras anteriores; a técnica literaria está máis traballada, a forma de traballar os temas.

—Edita esta última novela Xerais. ¿É a primeira que publica con esta editorial?

—A primeira si. Aínda que xa estivera nunha antoloxía de mulleres narradoras de Xerais. A maioría das anteriores editáronse por gañar premios.

En canto se lle pregunta a Eva Moreda polas súas novas incursións ou proxectos a nivel literario, esta é a súa resposta: «Hai un tema que me gustaría tratar. Estou facendo os meus experimentos: literatura infantil e xuvenil. Tamén teño os meus libros favoritos de cando era nena. En parte porque de pequena sempre lía moito e se conseguira interesar a alguén pequeno pola lectura sería unha grande satisfacción para min. Hai o debate de se este tipo de literatura é de categoría distinta á de adultos, en que se diferencia, se trato un tema que tamén podería tratar nun de adultos…».

—Por certo, unha curiosidade. ¿Cal era o seu escritor ou escritora favorita de pequena?

—María Gripe, sueca, tiña un universo fantástico e surrealista.

—Xa lle gustaba a literatura sueca, como agora Stieg Larsson…

—Si, si, xa ía adiantada.

—E o público ribadense, ¿como reacciona ante a súa obra?

—Estou satisfeita coa resposta do público.

—¿Ten pensado voltar a Galicia?

—Agora viaxar xa é máis accesible e bastante xente me coñece en Londres. A maior parte da xente que emigra na actualidade ten unha carreira, estudos…, iso abreche outras espectativas. Antes emigrabas por supervivencia, agora é máis para ter un estatus ou de poder exercer a túa profesión, pois ao mellor no teu país de orixe non tes oportunidade de facelo.

Yolanda García

Deixa un comentario!