Menu Xerais

Entrevista de Camilo Franco a Manuel Rivas: «Os contos son animais solitarios»

La Voz de Galicia publica unha entrevista de Camilo Franco con Manuel Rivas sobre a publicación do seu libro O máis estraño.

Manuel Rivas: «Os contos son animais solitarios»

O autor agrupa nun só libro todos os seus relatos breves dende hai 20 anos, «corrixidos, pero non reescritos»

As metáforas non se deteñen nas palabras de Manuel Rivas. O escritor presentou onte O máis estraño (Edicións Xerais de Galicia), a recompilación dos seus contos tal como eran «corrixidos, pero non reescritos». Rivas asegurou que os contos son os que eran porque «eles querían estar na súa liberdade».

—Os contos poden ser os mesmos, pero o autor quizais non. ¿Que impresión tivo dos contos ao volver a enfrontarse a eles?

—Hai sempre unha reacción de que o autor mellora cos anos, como esa falsa idea de que o progreso nunca acaba. Pensei de entrada que os primeiros contos serían peores e mesmo pensei que quizais non debía telos escrito. Despois dinme conta que eran eles os que tiñan que falar e non eu, por iso deixei que fosen. Decateime de que os primeiros non eran peores e tamén que no relato algunhas imperfeccións de fábrica non son necesariamente malas. Hai algo nesas imperfeccións que humaniza o conto.

—Quere dicir que o conto debe ter certa condición poética por riba da narrativa.

—Creo que o conto non debe funcionar só como mecanismo, aínda que os mecanismos existan. Creo que nun conto non se debe ver a caixa de ferramentas. Os contos son animais solitarios e por iso hai que aceptalos, non se deben borrar as súas pegadas porque nos contos hai sempre unha indagación que xustifica a utilidade da literatura.

—¿Cal é a indagación que debe facer hoxe a literatura?

—Debe dicir o que non se pode dicir, debe achegarse aos tesouros e aos terrores. Tamén poden contrarrestar esas cifras que se utilizan para meter medo na xente. Creo que a literatura é agora máis útil que nunca contra o discurso único porque as palabras seguen sendo sensibles ao que xente precisa.

Camilo Franco

Comentarios pechados