Menu Xerais

Entrevista de Manuel Vidal Villaverde a Antía Otero: «(Retro)visor busca ser escoitado como un monólogo íntimo»

Manuel Vidal Villaverde publica en Galicia Hoxe unha longa entrevista coa poeta Antía Otero. Reproducimos o parágrafo referido ao seu libro (Retro)visor.  A entrevista pode lerse enteira aquí.

Poesía, se che parece Antía. Teño diante de min Retro(visor), onde hai, ao meu ver, máis conxuga que mestura. Explico o significando máis que o  significado dos dous vocábulos. Mestura é unha palabra produto da alienación dos individuos, do escravo ignorante da liberdade, “un ser feliz”. A conxuga representa a harmonía, a liberdade, a ironía, que non  por tal deixa de ser amargue. Observo nese case todo que enuncias mora e gravita o aceno, a xestualidade, a estética da non fetichización da mentira nin da verdade, a dor de pronunciar as cousas tal cal son, dentro da estética do seu nome, e tomo como exemplo estes versos do teu poemario: “a cuestión é programarse/ata a cegueira”. O que  antecede non me importa. Agabeo polas páxinas e atópome  con que “contigo é máis fácil/e non preciso can para saír da casa/sigo as pega-das sen escusas”. Entendo a vitalidade do ritmo para máis alá do son que delimita o norte imaxinario das palabras. Reflexiono sobre a túa poesía… Pódesme axudar, Antía…?
—Como ben insinúas creo moito máis na conxugación ou hibridación que na mestura. A conxugación chama polo diálogo e pola necesidade de entenderse. Así entendo a poesía, como un soporte no que podo comunicarme libremente comigo mesma e con tod@s @s que queren achegarse a escoitar…Como Retro(visor), que é un libro no que o texto (o que se di) como o subtexto ( o que se desoculta) busca ser escoitado como un monólogo íntimo na penumbra dun cuarto. Por outra parte a hibridación é un concepto que a nivel artístico me interesa moitísimo. Buscar pontes entre diferentes linguaxes artísticas, investigar os espazos pouco transitados que quedan entre elas… Cando estou centrada niso sen chamar a máis mínima atención e sen outra procupación que a de sentir o proceso, sei que camiño. E iso é o que máis me importa na poesía, na arte e polo tanto na vida: camiñar sen unha hora de chegada.

Comentarios pechados